experiencia

experiencia

(< lat experientĭa)

  1. s f Antónimos: inexperiencia.
    1. Coñecemento directo dalgunha cousa adquirido polo uso, a práctica ou as propias vivencias.

      Ex: Neste bar necesitan camareiras con experiencia. 

      Antónimos: inexperiencia.
    2. Coñecemento da realidade, do mundo ou da vida.

      Ex: As persoas maiores sempre teñen máis experiencia. 

    3. [FILOS]

      Modo de coñecemento que procede da percepción sensible ou da intuición psicolóxica. A súa defensa fronte ao predominio da razón foi defendida polo empirismo. O recurso á experiencia é un método científico rexido polas regras do método experimental, a partir de hipóteses provócase a maneira de verificalas por medio de observacións e de rigorosos traballos de laboratorio. J. Locke distinguiu entre a experiencia externa e a interna. O concepto tamén pode aplicarse a outros eidos como o da experiencia moral, que se refire ao conxunto do adquirido ao longo da vida dun individuo ou de toda a humanidade. De tal xeito que a persoa que ten experiencia, propia ou porque coñece a historia, pode extraer ensinanzas válidas para a vida e dar consellos. Este tipo de experiencia foi defendida por I. Kant.

  2. s f

    Situación ou suceso na vida de alguén, que lle proporciona coñecemento sobre a realidade, a vida ou o mundo.

    Ex: A morte das súas fillas foi unha experiencia moi dolorosa. 

    Confrontacións: vivencia.
  3. s f

    Estudio para descubrir ou comprobar as características dun fenómeno mediante a súa observación.

    Ex: Fixemos varias experiencias no laboratorio para o exame de ciencias.

Refráns

  • A barco novo, capitán vello.
  • A besta amatada de lonxe ve vir a albarda.
  • A experiencia é a nai da ciencia.
  • A mellor mestra é a experiencia.
  • Abade que foi monaguillo ben sabe quen bebe o viño.
  • Cando algúns van a Santiago, xa volven outros con cunchas.
  • Contra a experiencia non hai ciencia.
  • Máis vale experiencia que ciencia.
  • Mallando mallando apréndese a mallar.
  • Moitas veces a experiencia vale tanto coma a ciencia.
  • Ninguén sabe o que hai na ola mellor cá culler.
  • O que coce e amasa ben sabe as que pasa.
  • O que foi cociñeiro antes que frade, o que pasa na cociña ben o sabe.
  • Ó que non ten experiencia fáltalle a mellor sabencia.
  • O uso é mestre de todo.
  • O uso fai mestres.
  • Todo quere uso e a muller quere roca e fuso.

Palabras veciñas

expender | expensas | expensas | experiencia | experimentable | experimentación | experimentado -da