home

home

(< lat homĭne)

  1. s m [ANTROP/FISIO]

    Nome común do xénero de primates antropoides que comprende ao home actual (Homo sapiens sapiens) e aos homes fósiles considerados como as formas ideais de transición no proceso da hominización. O concepto de home como ser humano en xeral, parece nacer coa aparición da idea de individuo na cultura occidental. O que diferenza o home do animal é a cultura, a partir da base do intercambio, a produción e a reprodución das condicións da vida e a linguaxe. Resultado da aparición do home de Neardenthal, traballo, linguaxe, cooperación social e evolución biolóxica, aparecen paralelas, e cando no Würm a especie humana adquire as características actuais nun plan estritamente biolóxico, a evolución continúa a nivel “supraorgánico”, é dicir, cultural. Na tradición filosófica occidental o home foi pensado inicialmente como parte da natureza sometido a unha lei universal común (Heráclito e os filósofos xónicos), pero que deseguida foi diferenciado do puramente natural pola súa intelixencia e a capacidade de reflexión (Xenófanes). Con Demócrito iniciouse unha ética naturalístico-racionalista que acentuou o carácter social do home e as obrigas que isto comportaba. Na sofística, o home foi considerado, ao mesmo tempo que ser natural, posuidor exclusivo do logos. Con Platón esta peculiaridade foi enxalzada nunha liña dualístico-espiritual á categoría de participación divina, e con Aristóteles, foi concibido como un animal político. A corrección que sobre esta concepción realizou o cristianismo e a noción estoica da cidadanía universal foron a base da extensión da idea do home á totalidade das culturas e estratos sociais. O Renacemento fixo ao individuo un ser social e moralmente autónomo, mentres que os ideólogos da burguesía construíron, ao redor desta idea, o seu sistema político e social. A autonomía crítica outorgada por I. Kant ao home e a autonomía política proclamada pola Revolución Francesa foron as últimas achegas do pensamento burgués triunfante ao concepto de home. G. W. F. Hegel insistiu na ambigüidade do home como ser natural e espiritual, mentres que K. Marx definiuno como o conxunto das súas relacións sociais. J. Ortega y Gasset explicou que o propio do home é non ter natureza, senón historia, e J. P. Sartre insistiu en que o home non é máis nada que o seu proxecto, non existe máis que na medida en que se realiza e, polo tanto, non é máis que o conxunto dos seus actos, a súa vida. F. W. Nietzsche falou do derradeiro home, aquel que vive no nihilismo, que acabou con Deus, pero que aínda non é capaz de crear novos valores e, polo tanto, converterse nun superhome. A finais do s XX, en contraposición ao tradicional homo faber, apareceron outros tipos antropolóxicos como o homo oeconomicus, o homo sociologicus e o homo ludens. O concepto metafísico do home, cuestionado radicalmente polo estruturalismo, considérase actualmente como carente de sentido ou como a simple idea reguladora da posible síntese das ciencias humanas.

  2. s m
    1. Individuo da especie humana de sexo masculino. Na tradición oral recóllense ditos como: “Anda o home a trote para levar cachote. Cando o home mexa nas botas non pensa nas mozas. Casarás, home coitado, e collerás coidado. Gárdate do home mal barbado e do lobo esfameado. Home narigudo poucas veces cornudo. Home pequeno, fol de veleno. Home que dá en vida o que ten ou é parvo, ou tolo ou non anda ben. Home que ao erguerse di opa!, e o sentarse di ai!, non é para a filla da miña nai. Home tramposo e muller mentireira, doullos a quen os queira. O home é fogo, a muller estopa; vén o diaño e sopra. O home pon/propón e Deus dispón.”

      Ex: Os homes e as mulleres son iguais perante a lei. 

    2. Persoa adulta de sexo masculino.

      Ex: O teu fillo xa é todo un home. 

    3. Persoa do sexo masculino consi derada como posuidor de calidades e defectos que se supoñen propios do seu sexo.

      Ex: Haiche que ser ben home para soportar esa carga. 

    4. Persoa do sexo masculino considerada formando parte dun grupo de persoas.

      Ex: Casou cun home de letras. É un home de mar. 

  3. s m

    Persoa do sexo masculino que é subordinado dunha autoridade.

    Ex: Chegou do norte o coronel e os seus homes. 

  4. s m

    Marido ou compañeiro dunha muller.

    Ex: Xoana ten o home enfermo.

    1. Home ilustre ou digno de especial consideración.

    2. Home de proveito para a sociedade.

    3. [HIST]

      Mestre que nos gremios de artesáns era elixido para gobernalos, polos seus coñecementos e a súa honradez.

  5. [ETN]

    Personaxe mitolóxico de carácter maligno e xerador de medo infantil, que asusta os rapaces ameazándoos con levalos metidos dentro dun saco.

  6. [ETN]

    lobishome.

Frases feitas

  • 2 Expresión que, segundo os contextos ou o ton coa que se empregue, pode adquirir diferentes significados, tales como sorpresa, reproche, insistencia, etc.

  • De home a home. Dicir algo de igual a igual e con sinceridade.

  • Home andado. Home que se aproxima á vellez. Ex: Xa era un home andado cando tivo o primeiro fillo.

  • Home claro! Por suposto.

  • Home morto non fai guerra. Expresión coa que se ponderan os beneficios que moitas veces se conseguen ao saber calar a tempo.

  • Un home é un home! Expresión coa que se realza, normalmente ironicamente, as calidades que adoito se lle atribúen a un home, como a valentía ou a forza.

  • Home da rúa. Persoa normal e corrente.

  • Home de mundo. Home experimentado en moitos ámbitos e moitas circunstancias da vida cotiá.

  • Home de negocios. Home que ten como actividade profesional os grandes negocios.

  • Home de palabra. Home que cumpre o prometido e do que un se pode fiar.

  • Home! 1 Por suposto.

  • Non ser home de. Non ser amigo do que se expresa. Ex: Non lle fagades iso, que non é home de bromas.

  • Non ser morte de home. Aplícase a aquela cousa que aínda sendo negativa non é moi grave.

  • Pobre home! Expresión coa que se expresa un sentimento de pena por alguén.

  • Ser home a/de/para. Ser quen de levar a cabo algo. Ex: Non es home a dicirllo. OBS: Normalmente emprégase en construcións negativas.

Formas incorrectas

varón