pagar

pagar

(< lat pacāre)

  1. v t

    Entregar unha cantidade de diñeiro determinada ou algunha outra cousa a cambio dun traballo, un servizo recibido ou algunha outra cousa.

    Ex: Pagou a cea de todos. Pagou 120 euros por uns zapatos. OBS: Nalgunhas construcións omítese o complemento e adquire valor absoluto. Ex: Pagou e marchou. Os xubilados non pagan no autobús. Páganlle por non traballar. Na tradición oral recóllense ditos como: “Traballo feito, traballo pagado. Ao comer as morcillas, rin a nai e as fillas; e ao pagar, todas son a chorar. Paga o que debes é saberás do mal que padeces. O que debía e pagou tiña dor e sandou. O que paga criados e non os vai ver, que venda o que ten para podelos manter”. 

    Antónimos: cobrar.
  2. v t

    Corresponder a un sentimento, unha actitude, un feito ou calquera outro beneficio que se recibe dunha persoa.

    Ex: Todas as atencións que tiveron con el pagoullas con desprezo. Mirou moito por el, pero tamén llo pagou buscándolle un traballo. OBS: Nesta acepción omítese o complemento e adquire valor absoluto. Ex: Así é como lle pagas a teu pai? Na tradición oral recóllense ditos como: “Con amor págase amor. Unha obra págase con outra. Moitas veces págase unha obra boa con outra mala”. 

    Confrontacións: agradecer, premiar, recompensar.
  3. v t
    1. Sufrir a pena ou o castigo imposto por algún erro, falta ou delito.

      Ex: Pagará o seu crime con dez anos de cárcere. OBS: Nalgunhas construcións omítese o complemento e adquire valor absoluto. Ex: Pagará polo que fixo coa expulsión do centro.

    2. Sufrir as consecuencias de algo.

      Ex: O seu corpo pagou os esforzos de cando era novo. OBS: Nalgunhas construcións omítese o complemento e adquire valor absoluto. Ex: Non é xusto que pagues ti por todos. Na tradición oral recóllense ditos como: “Ninguén as faga, que tarde ou cedo se pagan. Quen o fai que o pague. Non hai quen faga mal, que despois non o veña pagar”. 

  4. v t

    Cubrir os gastos de algo que se ofrece a alguén.

    Ex: Vaite á viaxe que cha pago eu. 

    Sinónimos: custear, sufragar.
  5. v pron

    Ter en moi alta consideración o mérito propio, os eloxios recibidos ou calquera outra cousa facendo ostentación deles.

    Ex: Non fai máis que pagarse dos coches que ten.

Frases feitas

  • Deus cho pague. Expresión de agradecemento.

  • Pagala(s). Expresión coa que se manifesta a alguén o desexo de vinganza. Ex: Vas pagalas todas xuntas.

  • Pagar a escote. Dividir o custo dunha cousa a partes iguais entre varias persoas.

  • Pagar a pena. Compensar algo o esforzo e o traballo que require.

  • Pagar a visita. Corresponder co mesmo.

  • Pagar na man/sen delonga/ao/ó/ de contado. Pagar algo no momento.

  • Pagar na/coa mesma moeda. Responder a algo co mesmo.

  • Pagar por si. Recibir castigo polas propias culpas. Ex Cada un paga por si.

  • Pagar caro (algo). Conseguir algo con moito traballo e sufrimento.

  • Pagar feito e por facer. Recibir as culpas do que se fai e tamén do que non fan outros.

  • Pagar xustos por pecadores/Pagar polos demais. Cargar coas culpas de algo unha persoa inocente.

Conxugar
VERBO pagar
Forma verbal: Infinitivo

Indicativo

Presente Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
pago
pagas
paga
pagamos
pagades
pagan
Pretérito imperfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
pagaba
pagabas
pagaba
pagabamos
pagabades
pagaban
Pretérito perfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
paguei
pagaches
pagou
pagamos
pagastes
pagaron
Pretérito pluscuamperfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
pagara
pagaras
pagara
pagaramos
pagarades
pagaran
Futuro Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
pagarei
pagarás
pagará
pagaremos
pagaredes
pagarán
Condicional Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
pagaría
pagarías
pagaría
pagariamos
pagariades
pagarían

Subxuntivo

Presente Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
pague
pagues
pague
paguemos
paguedes
paguen
Imperfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
pagase
pagases
pagase
pagasemos
pagasedes
pagasen
Futuro Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
pagar
pagares
pagar
pagarmos
pagardes
pagaren

Imperativo

Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
-
paga
-
-
pagade
-

Formas nominais

Infinitivo conxugado Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
pagar
pagares
pagar
pagarmos
pagardes
pagaren
Xerundio pagando
Participio pagado/pago
pagada/paga
pagados/pagos
pagadas/pagas