pararraios
(< 2 parar + raio)
-
s
m
[TECNOL]
Dispositivo que consiste nunha barra metálica, colocada nun punto elevado dunha construción e conectada á terra mediante un cable de pouca resistencia, destinada a atraer os raios e facilitarlles unha pasaxe directa á terra sen que danen a construción. O pararraios, ideado por Benjamin Franklin en 1752, debe ser instalado a unha altura suficiente, porque os raios tenden a caer sobre os corpos situados nunha posición máis elevada, e ten que estar conectado electricamente con todas as masas metálicas do edificio e estas coa terra, para conseguir que a construción protexida se aproxime a unha gaiola metálica (gaiola de Faraday). A conexión coa terra ten que ter a menor resistencia posible para asegurar unha boa disipación da descarga. Considérase que a zona protexida polo pararraios é un cono, cun eixe e un vértice que son os do pararraios, e o raio do círculo da base ten que ser igual á altura do pararraios para obter unha zona mínima con protección de primeira orde.
-
s
m
[ENX]
Aparato que protexe as liñas e instalacións eléctricas tanto das descargas atmosféricas como das sobretensións inducidas como consecuencia de curtocircuítos ou manobras. Xeralmente, emprégase un descargador de sobretensión.