abade
(< lat ecles abbāte ‘sacerdote’< gr bíbl ἀββᾶ < arameo abba ‘pai’) [port: abade; cast: abad; ingl: abbot]
-
[HIST/RELIX/ADM]
-
s
m
Superior ou máxima autoridade dunha abadía ou mosteiro que está encargado do goberno da comunidade monástica sen dependencia ningunha doutra autoridade. Pódense definir tamén con este termo as dignidades dalgúns cabidos catedralicios ou as máximas autoridades de certas irmandades ou confrarías en certos territorios do ámbito ibérico. Nalgunhas parroquias de Galicia (sobre todo nas dióceses de Ourense e de Tui-Vigo), Asturias, Portugal, Navarra e parte de Catalunya desígnase o párroco co nome de abade, proceso que algúns autores relacionan coa grande expansión que as células monásticas tiveron nestes países. O cargo e o termo que o designa xorden en relación co nacemento das primeiras agrupacións de monxes, proceso que fai precisa a presenza dunha autoridade que goberne e dirixa os aspectos tanto espirituais como materiais da comunidade. Tendo en conta que os primeiros exemplos de vida monástica xorden no Oriente, o nome semella ter a súa orixe nas terras de Siria, sempre con connotacións relacionadas coa imaxe dun moderador ou pai encargado de velar polo ben dos relixiosos; dende aquí estendeuse a outras áreas nas que tamén se empregou para designar o superior dunha agrupación que tivese optado por unha vida monástica en comunidade. Paralelamente, cando o termo abade aínda non se xeneralizara, nas rexións do occidente cristián o superior era coñecido como prepósito (praepositus). No momento en que a escaseza de presbíteros era moi acentuada, facéndose indispensable a súa presenza nunha comunidade relixiosa para atender as necesidades de índole espiritual e ritual, optouse por promover o ordenamento sacerdotal dos abades, unificando así nesta figura a autoridade de carácter material, eclesiástica e espiritual, sobre todo a partir do Concilio de Roma do ano 826, no que se obrigaba a que todo abade nomeado tivese a orde do sacerdocio. En moitos casos, o monacato hispano, incluído o galego, adoptou o modelo visigótico, tradición na que o prepósito ou superior tiña unha autoridade moi condicionada pola importancia da propia entidade comunitaria. Coa implantación do estilo de vida monacal propugnado na Regra de san Bieito (estilo monástico predominante en Galicia a partir da fin da Alta Idade Media), desaparece o paralelismo entre abade e prepósito. A máxima autoridade do mosteiro osténtaa o abade, cargo de carácter vitalicio elixido pola comunidade, reflectindo, segundo a opinión dalgúns autores, o peso da tradición monárquica dun mundo directamente relacionado coa historia pasada da Roma imperial. A Regra de san Bieito establece tamén que no caso de que o cargo de abade fique vacante, nomearase un entre os monxes da comunidade, xa por aclamación unánime, xa por sufraxio secreto. Papado, monarcas, príncipes e bispos tentaron sempre controlar estas eleccións pola grande influencia social e económica das abadías, principalmente no caso dos mosteiros de grande importancia. Requisitos de obrigado cumprimento para ocupar o cargo de abade eran: ter cando menos vinte e cinco anos, ser monxe da propia casa (agás no caso de non existir a persoa idónea), ter unha instrución axeitada e unha vida relixiosa exemplar, non ser abade doutro mosteiro (sendo frecuentes os casos nos que un abade gobernaba dous ou máis mosteiros, sobre todo se eran mosteiros sen dependencia entre eles) e ter a orde do sacerdocio. A elección completábase coa súa confirmación dentro dun prazo de tres meses despois de efectuada; no caso das abadías independentes a confirmación tiña que ser concedida de xeito obrigado polo propio Papa. O ritual de toma de posesión do cargo obrigaba a que o abade se internase descalzo no templo da comunidade, asumindo a plena autoridade no momento en que levado polo Bispo ocupaba o seu asento presidindo o coro e, de seguido, recibía un simbólico bico da paz de cada monxe que se axeonllaba diante del. O abade asumía todas as responsabilidades nos aspectos económicos, xurisdicionais e relixiosos do mosteiro. Para a execución destas tarefas nomeaba diversos axudantes que ocupaban os diferentes cargos administrativos. Así o abade elixía un prior, principal responsable da vida da comunidade e de que cadaquén executase as súas funcións. Nos exemplos galegos, este cargo, de escasa presenza no monacato visigótico, xeneralízase coa chegada a Galicia das influencias cluniacenses. Nos grandes mosteiros, a complexidade do goberno pode obrigar a que o abade nomee a máis dun prior. Noutros casos, non existe a figura do prior, substituíndose pola do prepósito, sempre sometido ao abade e con responsabilidades moi similares ás do prior. Outros oficios do mosteiro como os mordomos, os decanos, o cillereiro ou celareiro (encargado de gardar as provisións), o pitanceiro (repartidor da comida), camareiro (administrador dos dormitorios e celas), vestiarius (encargado do gardarroupa) tesoureiro, enfermeiro, secretario, chantre (mestre cantor), mestres, esmoleiro, botelleiro e porteiro completaban o organigrama operativo da comunidade, con cadansúas funcións concretas para o desenvolvemento cotián do mosteiro. O abade contaba coa obediencia absoluta dos monxes e gobernaba con plena autoridade, ben que nos casos de certa gravidade tiña que contar co parecer do resto da comunidade, malia esta consulta non ser de obrigada vinculación. En moitos casos o poder dun abade podía ser enorme, chegando alén dos muros da abadía, xa que por unha banda algúns mosteiros adquiriron os privilexios propios dos señoríos xurisdicionais, que administraban sobre todo por concesión dos monarcas, e por outra a extensión do poder dunha abadía podía deberse á conformación de diversas federacións de mosteiros baixo a dirección dun mesmo abade, configurándose toda unha rede de dependencias entre as diversas casas monásticas.
Confrontacións: crego, cura, párroco, sacerdote. -
abade coadxutor
Abade elixido polos monxes en vida do seu antecesor, debido á súa renuncia, senectude, enfermidade ou calquera outro motivo de incapacidade para exercer o cargo.
-
abade comendatario
Abade que acolle a encomenda total ou parcial das rendas dun mosteiro.
-
abade exento
Abade exento da xurisdición episcopal, coñecido tamén coa designación latina abade nullius.
-
abade laico
Durante o período carolinxio, segrar nomeado polo emperador coa finalidade de administrar as rendas dun mosteiro no que xa había un prior encargado da administración espiritual.
-
abade mitrado
Abade que usa insignias pontificais.
-
abade nullius lat nullius dioecēsis
Abade que goberna un territorio eclesiástico de xeito independente do bispo, é dicir, directamente suxeito á Santa Sé.
-
abade presidente superior
Xeneral de cada unha das diversas congregacións bieitas confederadas que se integran na Orde de san Bieito.
-
abade primado
Abade que preside todas as congregacións confederadas de bieitos negros que se integran na Orde de san Bieito.
-
abade segrar
Crego que goza dun beneficio eclesiástico, con título dunha abadía e que pode usar as insignias pontificais nas funcións litúrxicas.
-
abade titular
Abade que, recibindo a bendición abacial, ten o título dunha abadía extinta sen xefe de xurisdición.
-
abade xeral
Abade que goberna unha orde monástica independente.
-
s
m
-
s
m
[ADM/RELIX]
Rector dunha parroquia.
Sinónimos: crego, cura, párroco. Confrontacións: capelán, clérigo, padre.
Frases feitas
-
Cara de abade. Ter a faciana colorada.
-
Mesa de abade. Aquela mesa que está chea de manxares non faltando ren.