absolutismo
(
-
s
m
[POLÍT]
Modo de gobernar no que predomina a vontade dunha soa persoa.
Ex: Fernando VII é un dos reis absolutistas españois.
Confrontacións: despotismo, tiranía. -
s
m
[POLÍT/HIST]
Forma de goberno en que ningunha lei constitucional limita os poderes e facultades do soberano ou corporación dirixente. O absolutismo prevaleceu como forma de goberno na Europa da Idade Moderna, entre os ss XVI e XIX. O monarca posuía todos os atributos da soberanía: promulgaba leis, administraba xustiza, mantiña un exército permanente, nomeaba os funcionarios e recadaba impostos no seu nome. A monarquía absoluta estaba teoricamente subordinada á lei divina, á xustiza e ás regras fundamentais do estado. Para garantir a paz e a seguridade facíase preciso un acordo contractual entre o estado, que aparecía como a suma dos intereses particulares, e os súbditos, que lle transferían os seus dereitos. O absolutismo desenvolveu a unificación territorial e a centralización estatal dos estados modernos, ao tempo que tendeu a igualar a sociedade estamental nun mesmo réxime de obediencia. O absolutismo alicerzábase nunha doutrina teolóxica que parte do suposto de que hai dous poderes no mundo: o temporal, representado polo rei e a monarquía, e o espiritual, representado polo Papa e a Igrexa. O temporal debe someterse ao espiritual debido á súa superior perfección ontolóxica: a xerarquía comeza en Deus, indo deseguido o rei (a quen a propia Igrexa chegou a denominar vice-deus). Esta teoría permite o sometemento institucional da monarquía á Igrexa, que é quen realmente controla o poder: dende esta ideoloxía deféndese todo privilexio concedido pola Igrexa, que deste xeito se fai dona natural de todos eles, primeiramente dos da monarquía e a seguir dos que esta conceda. Os principios constitucionais liberais de liberdade e igualdade son conceptualizados pola intelectualidade absolutista, principalmente a eclesiástica, como atentados contra a orde natural. No Reino de Galicia os dous piares do absolutismo moderno, soberanía real e centralismo absorbente, establecéronse polos Reis Católicos tras da súa vitoria fronte a Xoana a Beltranexa, co nomeamento de Fernando de Acuña como Gobernador plenipotenciario do Reino de Galicia, acompañado por Garci López de Chinchilla como Xustiza Maior e Luis Mudarra, Capitán Xeneral ao mando dun exército de trescentas lanzas. No sometemento da nobreza beltranexa foi fundamental a colaboración dunha parte importante da nobreza galega, entre a que sobresaen Xoán Pimentel, Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga), e o Mariscal Pedro Pardo de Cela. Para a consolidación deste proceso constituíuse unha Audiencia ambulante que minou os poderes dos que ata entón viña gozando a nobreza. Dende o s XVI nobreza e alto clero caracterizáronse pola súa total connivencia co absolutismo monárquico. A colaboración da nobreza coa monarquía absoluta pode corroborarse no feito de que os títulos máis importantes pasaron á corte, ficando vencellados á maquinaria do estado, progresivamente centralista. Para facer efectiva a administración absolutista, precisouse do establecemento dunha serie de institucións: a primeira e máis importante, a Real Audiencia do Reino de Galicia, actúa coa xurisprudencia propia do Reino de Galicia; estará composta na súa meirande parte por persoal non galego, desaparecendo dos documentos oficiais a lingua galega. A Igrexa foi así mesmo institución chave para o mantemento do absolutismo: durante trescentos anos (1530-1830) os episcopados galegos cubríronse por elección dos monarcas ( regalismo ) conforme á afinidade ideolóxica do prelado e á súa orixe non galega; no s XVIII, xa consolidado o absolutismo, comenzaron a ocupar as cátedras novamente bispos galegos. A acción da Inquisición, que se instalou en Santiago entre 1562 e 1566, repercutiu principalmente no plano intelectual, por exemplo, en institucións como a Universidade Compostelá, visitada no 1555 polo doutor Cuesta, enviado pola monarquía, quen transgrede a normativa establecida ao prescindir dos patronos da institución, o Arcebispo e o conde de Monterrei. Principiando xa o s XIX, conformouse en Galicia unha fronte liberal antiabsolutista composta fundamentalmente por pequenos burgueses e intelectuais que identificaron o triunfo na Guerra da Independencia coa fin da monarquía absoluta. Nobreza e clero entrementres, a través das redes de dependencia, conseguen dominar as clases populares, que constitúen a gran masa do pobo. Os eclesiásticos, agás casos como o do crego de Bastabales, Pardo de Andrade ou Acuña e Malvar, e particularmente a xerarquía, opuxéronse a todo o lexislado polas Cortes de Cádiz, que presupoñía a soberanía nacional. Galicia converteuse nun refuxio para absolutistas foráneos, como o Bispo de Santander, Menéndez de Luarca, conspirador contra as Cortes. A prensa absolutista estivo na súa meirande parte escrita, dirixida e pagada pola Igrexa; destaca na Coruña El exacto correo de España en la Coruña, El postillón del exacto correo, La aurora, Los guerrilleros por la religión, la patria y el rey e en Santiago, verdadeira praza forte do absolutismo galego, El sensato, La estafeta de Santiago e El correo de la Comisión Provincial de Santiago. Cando, coa restauración de Fernando VII no 1814, se impuxo novamente o absolutismo, principiou en toda Galicia un período de persecucións de liberais dirixidas por eclesiásticos, sobre todo na Coruña. A reacción liberal non se demorou: no 1815 o mariscal Xoán Díez Porlier sublevouse na Coruña, cidade liberal por excelencia do Reino de Galicia, ben que fracasando pronto pola traizón dos seus soldados, subornados polo Cabido Compostelán, que celebrou na catedral de Santiago nun solemne Te Deum a execución do mariscal. O 22 de novembro do 1819 tivo lugar o Levantamento dos Provinciais, máis que pronunciamento propiamente dito, tentativa, xa que a acción liberal foi rapidamente desfeita, a pesar de estar a guarnición da Coruña no bando liberal, como demostrou dous anos despois cando, dirixidos por Félix Acevedo (Pronunciamento de Acevedo ), se sumen prontamente ao levantamento de Riego e Quiroga (1820). A penas principiado o Trienio Liberal ou Constitucional, os absolutistas, case sempre dirixidos por eclesiásticos, actuaron violentamente en toda Galicia. Os ataques das partidas absolutistas sucedéronse ao longo de todo o Trienio, tendo lugar as accións se cadra máis destacadas na zona de Cotobade. Os bispos, agás o de Tui, abandonaron as dióceses fuxindo a Portugal, onde artellaron a Xunta Apostólica de Galicia. O goberno liberal caeu no 1823 trala intervención estranxeira dos “Cen mil Fillos de San Luís”, principiando novamente a depuración de intelectuais, que afectou de xeito particular á Universidade Compostelá. O 8 de xaneiro do 1824 creouse a Policía en substitución da Vixilancia Pública; será concebida máis que como corpo de seguridade social, como instrumento de control ideolóxico. No 1825 quedou constituída unha Comisión ou Xunta de Purificación, auténtico instrumento de control ideolóxico, presidida polo Rexente da Real Audiencia do Reino de Galicia. A monarquía recuperou todos os privilexos absolutos, pola contra o resto das clases dirixentes perderon os seus dereitos xurisdicionais sobre os señoríos; do mesmo xeito a Igrexa tampouco recuperou nin a Inquisición nin as terras amortizadas. O matrimonio de Fernando VII, o nacemento da futura Isabel II e as vicisitudes polas que pasou a Lei Sálica e a Pragmática Sanción, celebradas polos liberais ao tempo que os absolutistas se acolleron á influencia do infante Carlos Isidro, irmán de Fernando VII. Esta corrente precarlista acadou en Galicia un pulo moi forte, ben personificado polo Arcebispo frei Rafael de Vélez, autor de Apología del Trono y del Altar e primeiro Presidente da Xunta Carlista de Galicia, da que tamén formaron parte o Capitán Xeneral Esvía, que fora Ministro da Guerra de Carlos IV, e Zumalacárregui, Gobernador Militar do Ferrol, o grande heroe militar do carlismo. Nestes anos abondaron rumores que relacionaban a Galicia cos preparativos dunha revolta liberal auspiciada por exiliados dende o estranxeiro, Inglaterra fundamentalmente, sendo certo que houbo xuntanzas en Xibraltar entre liberais galegos e conspiradores exilados, en particular con un dos seus líderes, Díaz Morales, chegando a planificar desembarcos en Galicia que nunca se levaron a cabo. Houbo tamén partidas liberais que, se ben non chegaron a constituír un serio perigo para as autoridades absolutistas do Reino, si foron motivo de preocupación; a máis coñecida delas foi a de Bordas, na comarca da Mezquita. Despois do 1833 o absolutismo máis radical pasou a identificarse co carlismo e a integrarse nel.
-
s
m
[FILOS]
Sistema filosófico que se basea naquilo que é por si mesmo, onde o absoluto é causa e efecto de todo. Dun modo ou doutro, autores como Platón, Aristóteles, Plotino, Spinoza, Kant ou Schopenhauer, trataron o tema do absoluto. De feito, á hora de concebir unha lei do Universo como lei natural, pártese do concepto do absoluto.