Ab Urbe Condita
Título da principal obra do historiador romano Tito Livio na que se relata a historia da cidade de Roma dende as súas orixes ata o ano 9 a C. Tamén coñecida co nome de Décadas debido a que estaba estruturada en grupos de dez libros, se ben este ordenamento non é do propio autor, que se dedicou a ela dende o 27 a C. Composta por 142 libros, quedou inacabada. Das décadas, só quedan a primeira, a terceira, a cuarta e unha parte da quinta, facendo un total de trinta e cinco libros, dos que os dez primeiros ocúpanse da orixe de Roma, do XXI ao XXX da Guerra Púnica contra Aníbal, do XXXI ao XL do intervalo 201-179 a C, e do XLI ao XLV de momentos posteriores; do resto da obra só se conservan extractos e resumos. Soporte intelectual da política de Octavio Augusto, constituíu a historia nacional por excelencia de Roma, acadando sona de imparcialidade mercede ao equilibrio que mantivo entre o republicanismo e o proxecto imperial, e á exaltación das virtudes da Roma primitiva. Tito Livio recorreu a arquivos e antigas crónicas históricas, ás que concedeu creto de máis a pesar das esaxeracións que contiñan e ás terxiversacións que se foran introducindo a prol da maior gloria das familias patricias. Son de grande interese as descricións que fai dos contextos sociais que envolven os feitos históricos. Na súa obra podemos ver a pegada da súa fonda formación retórica, que lle interesara particularmente dentro da filosofía, empregando un estilo áxil e vivaz. Dende a Antigüidade elaboráronse resumos da obra para uso escolar chamados periochae.