acetaldehido

acetaldehido

(< acet- + aldehido)

  1. s m [QUÍM]

    Líquido moi volátil, inflamable, irritante, narcótico e de olor penetrante. Os procedementos de obtención industrial son por deshidroxenación do etanol en fase vapor, oxidación catalítica en fase vapor da mestura propano-butano, hidratación en ambiente sulfúrico diluído de acetileno, con reoxidación posterior e oxidación en solución clorhídrica do etileno. As propiedades químicas do acetaldehido son as xerais dos aldehidos. As súas aplicacións directas son moi limitadas (a principal é o prateado de espellos). A facilidade coa que reacciona e o seu baixo custo fan que sirva de materia prima para a obtención de moitas substancias orgánicas importantes, entre elas: o ácido acético, o anhídrico acético, o n-butanol, o paraldehido e o pentaeritritol. En bioquímica o acetaldehido é tamén un intermediario importante: é un dos elos da oxidación biolóxica dos hidratos de carbono, un produto intermedio da fermentación alcohólica, e é tamén o primeiro produto formado na oxidación polo organismo do alcohol inserido como bebida.

  2. acetaldehido-amoníaco [QUÍM]

    Sólido pouco estable ao aire, soluble en auga, denominado tamén aldehido amoníaco. Obtense por condensación do acetaldehido co amoníaco e emprégase como acelerante de vulcanización e en sínteses orgánicas.

Palabras veciñas

acetabuliforme | acetábulo | acetal | acetaldehido | acetaldol | acetalfosfátido | acetálico -ca