acetato

acetato

(< lat tardíoacētātu p p de acētare ‘volverse acedo’)

  1. s m [QUÍM]

    Calquera sal ou éster do ácido acético. En virtude da accesibilidade e o baixo prezo deste ácido, os acetatos constitúen o grupo máis importante entre os sales e os ésteres dos ácidos orgánicos. Os acetatos metálicos neutros son sales ben cristalizados, que se obteñen xeralmente pola acción do ácido acético sobre os óxidos, hidróxidos ou carbonatos e que se descompoñen a temperaturas non moi altas. Os acetatos básicos, en xeral insolubles, fórmanse facilmente por hidrólise. As aplicacións dos acetatos son moi diversas, tanto pola súa boa solubilidade e o seu pouco prezo como polo feito de que se reaccionan ou se hidrolizan liberando ácido acético, este non ten os efectos destrutores dos ácidos minerais fortes. A súa principal utilización ten lugar na industria téxtil para a tinguidura e os estampados (acetato de sodio, acetato de calcio, acetato de cinc, acetato de chumbo, etc) e para a impermeabilización e a ignifugación (acetato de aluminio). Os ésteres acéticos prepáranse, en xeral, por esterificación directa do alcohol polo ácido acético. Os que derivan de alcohois de baixo peso molecular son líquidos volátiles, de olor agradable, que se empregan en grandes cantidades como disolventes. O acetato de metilo (CH 3 COOCH 3 ) ten un poder disolvente elevado, pero é volátil, inflamable e hidrolizable en exceso. O acetato de etilo (CH 3 COOC 2 H 5 ) é o máis importante dos disolventes lixeiros.Ten un olor a froita agradable e disolve algúns derivados da celulosa e numerosas resinas. É, ademais, mesturable cos aceites vexetais e coa maior parte dos disolventes orgánicos, e a súa toxicidade é moi feble. O acetato de butilo (CH 3 COOCH 2 [CH 2 ] 2 CH 3 ) é un disolvente de punto de ebulición medio moi importante, especialmente para os vernices e as lacas nitrocelulósicas. Dentro dos acetatos de fórmula (CH 3 COOC 5 H 21 ) cómpre mencionar o acetato de amilo de fermentación, o acetato de amilo de síntese, o acetato de pentilo e o acetato de amilo normal. Todos os acetatos de amilo disolven a nitrocelulosa, un gran número doutras resinas e son mesturables cos aceites vexetais. Teñen un olor a plátano característico e son bastante tóxicos. Á parte da fabricación de pinturas e vernices, empréganse tamén nas cremas para o calzado, como un disolvente de extracción e demais. O acetato de hexilo industrial é unha mestura de acetatos provenientes dos alcohois en C 6 obtidos por reacción Oxo. É un disolvente de punto de ebulición elevado, interesante para os vernices de poliuretanos e vernices nitrocelulósicos a pistola. Se ben a importancia de moitos dos ésteres acéticos reside no seu poder disolvente, poden atoparse algúns con aplicacións diferentes. Diversos acetatos son constituíntes importantes de esencias naturais, ou sintéticas, empregadas en perfumería. Facendo abstracción dos acetatos disolventes, o éster acético industrialmente máis importante é o acetato de vinilo, que vale de materia prima para a fabricación de polímeros moi empregados, tales como o poli (acetato de vinilo) e os copolímeros cloruro de vinilo-acetato de vinilo e acetato de vinilo-acrilatos. O acetato de vinilo é un líquido moi inflamable. Industrialmente obtense sobre todo por reacción do ácido acético co acetileno.

  2. acetato butirato de celulosa [QUÍM/IND]

    acetobutirato de celulosa.

  3. acetato de celulosa [QUÍM/IND]

    Nome xenérico dos ésteres acéticos da celulosa, e dos plásticos que derivan deles, nos que a esterificación é incompleta e de grao variable. O acetato de celulosa sen plastificar preséntase en forma de estriga, e as súas propiedades dependen do grao de acetilización (canto máis altos, menores son a solubilidade e a absorción da auga) e da lonxitude das cadeas (canto máis longas, maior é a viscosidade das solucións e a resistencia mecánica). A estriga de acetato emprégase para fabricar fibras téxtiles, filtros de cigarros, membranas semipermeables para o desalgado da auga, produtos limpapinturas e materiais termoplásticos. Como plástico emprégase para fabricar películas e láminas transparentes, que resisten as graxas, son permeables ao vapor de auga, aos gases e á radiación ultravioleta do sol, e son soldables e termomoldeables. Son empregos habituais a laminación sobre papel, cartón ou follas metálicas, a protección de documentos, os efectos especiais nas artes gráficas, o illamento eléctrico e, sobre todo, a embalaxe, como caixas transparentes ou de fiestras. Unha das aplicacións máis importantes é a fabricación de compostos de moldear, que se obteñen incorporando estabilizantes, plastificantes en cantidades considerables e, se convén, colorantes solubles ou pigmentos.

    Sinónimos: acetilcelulosa.
  4. acetato de polivinilo

    Polímero do acetato de vinilo. É unha resina con propiedades adhesivas que se emprega como cola para madeira e na obtención de coiro artificial.

Palabras veciñas

acetalizar | acetamida | acetanilida | acetato | acetazolamida | acétere | acético -ca