adaptación

adaptación

(< adaptar)

  1. s f

    Acción e efecto de adaptar ou adaptarse.

    Ex: Non houbo forma de adaptación posible dos koalas no zoolóxico.

    Confrontacións: adecuación.
  2. s f [FILOS]

    O concepto de adaptación pode empregarse para o artellamento de explicacións funcionais ou finalistas ao explicar antecedente por consecuente, ben que, mercede precisamente ao concepto de adaptación, as formulacións finalistas poidan formularse en termos non finalistas.

    1. s f

      Conxunto e resultado das reaccións por medio das que un individuo responde harmonicamente ás diferentes condicións que lle presenta un determinado ambiente, modificándose a si mesmo, ou ben modificando a realidade segundo os propios esquemas.

    2. adaptación sensitiva

      Redución progresiva das sensacións a pesar de  persistiro estímulo.

  3. s f [ANTROP/SOCIOL]

    Proceso social e cultural que facilita o axeitamento dos individuos, grupos humanos ou colectividades sociais ao medio físico e social no que se desenvolven, ás veces, modificándoo. O medio social ao que a un se adapta consiste noutros individuos, grupos, institucións, relacións sociais de produción, ideoloxías, aparatos do estado, etc. O principal proceso adaptativo é a integración social (incorporación ou inclusión social das minorías étnicas e as comunidades de inmigrantes en condicións de igualdade de dereitos e obrigas sen ter que perder os seus sinais de identidade). Robert K. Merton sinala cinco modos de adaptación individual ás circunstancias: o retiro, a rebelión, a innovación, o ritualismo e a conformidade. A adaptación dos individuos ao seu medio social depende, en gran medida, da lóxica da situación.

  4. s f [ARQUEOL]

    Concepto empregado para a explicación das distintas secuencias evolutivas das culturas.

  5. s f [BIOL/ECOL]

    Conxunto de modificacións hereditarias (morfolóxicas, fisiolóxicas, metabólicas e etolóxicas) que permiten a un organismo ou unha especie adecuarse de xeito manifesto ás condicións bióticas e abióticas do medio. O punto de vista actual sobre a adaptación é que os organismos necesitan resolver de xeito beneficioso (determinado polo éxito reprodutivo) as variacións ou modificacións ambientais. Daquela xorde un paradoxo, pois segundo ese concepto a adaptación semellaría precisar dun mundo preexistente que xera un problema (p ex un cambio climático) que a propia adaptación resolvería; deste xeito, elimínase a dialéctica establecida polo proceso evolutivo entre o individuo e o seu medio. Un exemplo clásico da adaptación son os peteiros dos pinzós das Galápagos, descritos por Darwin, e a variabilidade da especie Biston betularia [bolboreta nocturna que vive nos bidueiros das Illas Británicas]. Recoñécense cinco tipos diferentes de peteiros nos pinzóns (de pico grande, de face ampla, canaro, tisnado e dos cactos), adaptados a comer pequenos insectos nas fendas das rochas, sementes grandes e duras, sementes e néctar de cacto, grandes insectos ou sementes pequenas e duras. A Biston betularia ten unha cor branca prateada, con pintas negras -na fase de imago- que lle permite agocharse moi ben nas codias dos bidueiros e evitar así aos depredadores; sen embargo, nas rexións industriais produciuse un aumento na frecuencia dunha forma melánica ou negra desa bolboreta. A forma negra era moi rara cando se observou por primeira vez, en 1849, pero contra a fin do século XIX, convertérase na máis común na rexión de Manchester e Liverpool, altamente industrializadas, onde durante eses mesmos anos puido apreciarse que, a causa do aire contaminado desa rexión, os bidueiros ennegreceran. Esta adaptación explícase por un mecanismo evolutivo que actuou seleccionando ás especies melánicas nas rexións máis contaminadas, xa que serían facilmente recoñecibles sobre o fondo escuro dos bidueiros, o que incidiría no seu escaso éxito reprodutivo. A teoría biolóxica moderna atopa varias dificultades para explicar estes procesos de selección nos que xogan un papel determinante a variación e a herdanza. A primeira dificultade é que se a evolución se describe como o proceso de adaptación dos organismos aos nichos, daquela os nichos deben preexistir ás especies que teñen que adecuarse a eles. A segunda dificultade consiste en avaliar o papel dos propios organismos na creación do nicho. Na tradición fixista a adaptación non é máis que un acomodamento ao medio, sen iniciativa por parte do ser vivo nin acción modeladora do medio. Segundo Lamarck, que xa tiña unha concepción transformista da adaptación, o medio modela e modifica o organismo sen que a acción de acomodación proveña do ser vivo. Así mesmo, a bioloxía neolamarckiana e finalista entende que a adaptación é o resultado da ‘vontade’ dos organismos na busca de novas direccións (p ex o cerebro humano como resultado dunha tendencia a mellorar o aparello nervioso no reino animal). Darwin defendía a adaptación non como un prodixio de perfección, senón como resultado dun compromiso histórico no que a adaptación provén de variacións que se producen no ser vivo, sendo esas variacións independentes de calquera iniciativa por parte dos organismos e unicamente de xeito aleatorio. Spencer, traicionando a exposición darwinista do concepto de adaptación,  cuñou a definición de supervivencia do máis apto. A teoría sintética da evolución definiu a adaptación xenética como resultado de certas mutacións producidas ao azar pero que se manteñen por selección natural. Este concepto específico de adaptación insiste na aparente contradición entre a primacía evolutiva do comportamento (Darwin) fronte a evidencia xenética de que os cambios na descendencia só se poden producir por medio dos xenes ( asimilación xenética ). Os biólogos sintéticos propoñen para resolver este paradoxo que o importante non é o comportamento individual, senón que sexa observado por toda a especie (favorecendo aos individuos portadores do trazo biolóxico seleccionado). Son exemplos de adaptación xenética a resistencia de certas familias de insectos a insecticidas concretos ou a dalgúns microorganismos en determinados antibióticos. No seo da teoría evolutiva quedan moitas cuestións por resolver nas que o papel da adaptación é de gran importancia, p ex a orixe da adaptación (neste sentido, cómpre lembrar que as plumas, que actualmente están adaptadas ao voo, evolucionaron antes de que os paxaros fosen bos voadores), algúns mecanismos evolutivos, etc. Na actualidade, debido aos múltiples casos que dificultan un emprego sinxelo do concepto de adaptación, algúns biólogos chegaron a propor a eliminación total deste concepto por ser demasiado vago e debido ao seu uso e abuso ideolóxico.

    Confrontacións: adecuación, especiación, herdanza, selección, variación.
  6. [LIT/ESPECT]

    Transformación dun texto non dramático (narración, guión, artigos xornalísticos) nun texto espectacular. Dende Bertolt Brecht, desígnase así á reescritura teatral dos textos clásicos ou á tradución dun texto estranxeiro. Comunmente, emprégase este termo para designar a reeleboración dunha obra literaria noutra lingua, xénero ou medio expresivo. De feito, as adaptacións de obras literarias ao cine son moi abundantes.

  7. s f [MÚS]
    1. Arranxo dunha obra con vista a executala con elementos distintos dos orixinais.

    2. Emprego de pezas musicais como acompañamento de obras dramáticas ou ben de versos declamatorios.

  8. síndrome de adaptación [PAT]

    Conxunto de reaccións non específicas do organismo fronte a unha agresión calquera (traumatismo, esgotamento, choque, infección, intoxicación).

Palabras veciñas

Adapis | adaptabilidade | adaptable | adaptación | adaptacionista | adaptado -da | adaptador -ra