Adén, protectorado de
Antigos estados árabes vencellados dende 1882 a Gran Bretaña por tratados de protección que no ano 1937 se constituíron nun único protectorado. Estaba dividido nun protectorado oriental, que comprendía a rexión de Hadramawt cos estados de Saiwun, Sihr e Al-Mukalla, os sultanatos de Qisn, Suqutra, de Bar Haf, Bir Ali e os territorios de Irqah e de Al-Haura; e nun protectorado occidental, con oito sultanatos, dous emiratos e sete territorios. Algúns estados do protectorado occidental crearon no 1960 a Federación de Adén. En 1963, esta federación e a colonia de Adén formaron a Federación de Arabia do Sur, á que se sumaron outros estados, dos que algún pertencía ao protectorado oriental. Co resto do territorio, os británicos formaron un novo protectorado de Adén que, finalmente, pasou a formar parte da Federación de Arabia do Sur en 1967 para crear a nova República Popular do Iemen do Sur.