Adiante
Revista sindicalista en galego editada pola Confederación Xeral de Traballadores Galegos-Intersindical Nacional (CXTG-IN) e publicada entre maio de 1987 e decembro de 1993, cando chegaba ao número 58. Formaban o consello de redacción Fernando Acuña, Luís Burgos, Alberto Fernández Campo, Francisco Sabio e Xosé García Crego. Dirixíaa Margarita Ledo Andión e, amais da información política, contiña unha sección literaria con textos de, entre outros, Xela Arias, Ursula Heinze, X. A. Perozo, Gonzalo Navaza e Suso de Toro. Outros autores como Méndez Ferrín, Fortes Bouzán, Mariño Ferro ou Manuel Outeiriño colaboraron con artigos. Tamén se incluíron reproducións de poemas de Celso Emilio Ferreiro, Cesáreo Sánchez Iglesias e Ana F. Faya, xunto cunha sección chamada “Solaina da cultura” de Xaime Costas.