Adiós María
Novela de Xohana Torres publicada en 1971 por Galaxia, premio Galicia do Centro Galego de Bos Aires. A acción céntrase en Maxa, narradora-protagonista de 15 anos, constitúea un monólogo interior que reflicte a posguerra e a emigración cun estilo fresco e sinxelo. A narración non é lineal, senón psicolóxica, en función dos recordos que evocarán unha situación determinada. A acción proxéctase tanto no pasado como no futuro e mesmo nun presente que vén de acabar, a xeito de diario. A novidade da obra radica no protagonismo dunha personaxe feminina (adolescente a maiores) e en que se reflicte a educación e o papel da muller na sociedade da época. A obra está marcada pola emigración e as súas consecuencias en dúas dimensións: o éxodo rural e a emigración exterior. Maxa retrata a sociedade, pero non a denuncia, simplemente pon de manifesto unha realidade inevitable. Ela e os máis desprotexidos serán as víctimas. Asumirá papeis que non lle corresponden dentro dun mundo de adultos, marcada pola emigración dos seus pais e polo accidente do seu irmán, Pedigrí. Quere ser unha grande escritora pero só pode escribir cando está enferma e ás agachadas da súa avoa. Maxa chama constantemente a atención do lector, implicáo na acción e permítese a licenza de penetrar na súa mente. Adiós María é unha novela testemuñal, contada dende o intimismo, unha aposta renovadora influenciada polo neorrealismo e o experimentalismo.