adverbio
(< lat adverbĭu < ad + verbum)
Parte invariable da oración instituída polos gramáticos gregos co nome de ἐ πίρρμα ‘adición ao verbo’, que designaba na súa orixe palabras curtas que non cambian nas catro clases aristotélicas (nome, verbo, artigo e preposición), de aí que os estoicos lle chamasen a esta categoría πανδ ἐ xτης ‘receptáculo universal’. Dentro desta clasificación inclúense palabras que expresaban grao, modo, lugar, tempo, afirmación, negación e mesmo interxeccións. O termo latino adverbium é un calco do grego. No ano 1540 Scaligiero indicou que o adverbio podía modificar a significación non só do verbo (canta alto), senón tamén dun adxectivo (moi loiro) ou doutro adverbio (moi ben). Posteriormente matizouse que o adverbio pode afectar a un substantivo (moi home) e a unha frase completa (Desgraciadamente ocorreu dese xeito). Nas linguas románicas, en xeral, o adverbio funciona como elemento de rango sintáctico terciario, é dicir, como aquela categoría gramatical que serve esencialmente para modificar o significado do adxectivo (Éche bastante alta), do verbo (Bailei pouco), doutro adverbio, (Chegouche ben tarde) ou mesmo dunha oración enteira (Afortunadamente foron rescatados con vida do río) ampliando, precisando ou matizando o significado da palabra á que acompaña. Pola contra, os adverbios non poden ser modificados máis ca por outro adverbio (Puxéchelo ben arriba) ou por unha frase preposicional (Deixáchelas enriba da porta). O adverbio coincide co adxectivo, sobre todo o de modo, considerado adverbio por excelencia, que equivale, en canto á súa categoría, á dos adxectivos calificativos dos que proceden. Do mesmo xeito que o adxectivo é complemento intrínseco do substantivo, o adverbio éo esencialmente do verbo; os adverbios de modo teñen, respecto ao verbo, a mesma función que os adxectivos respecto ao substantivo. A función do adverbio é completar o sentido da unidade á que van subordinados, expresando unha circunstancia; o número de circunstancias é innumerable, de aí que a lingua non poida ter unha palabra específica para expresar cada matiz, tendo que recorrer ao emprego de locucións adverbiais e complementos circunstanciais, é dicir, construcións segmentables en unidades menores. Segundo a circunstancia expresada, os chamados adverbios mínimos poden ser clasificados semanticamente nos seguintes grupos segundo a circunstancia expresada: tempo (cando, agora, despois, etc); de lugar (aí, alá, nalgures, etc), de cantidade (canto, menos, moito, etc); de modo (ben, peor, todos os acabados en -mente, etc); de afirmación (si, tamén, etc), de negación (non, ninguén, etc) e de dúbida (quizais, se cadra, etc).
Ex: “Aquí“ é un adverbio de lugar.
Citas
- “Aquí“ é un adverbio de lugar.