Afonso I o Católico

Afonso I o Católico

Rei de Galicia e Asturias (739-757). Considerado, por ter artellado un proxecto político ben definido, como o auténtico fundador da monarquía galaico-astur. Probablemente, foi fillo do duque Pedro de Cantabria. Casou con Ermesinda (ou Ermessenda), filla de don Paio, e foi elixido Rei por astures e cántabros á morte de seu cuñado Favila (ou Fafila). Logo de varias campañas contra os poderosos   condes e bispos vitizanos que tomaran partido   por don Rodrigo (Rodericus) e eran respectados polos musulmáns. Afonso I procurou controlar Galicia, creando un protectorado baixo o goberno do seu irmán Froila. A nobreza galega, sen embargo, sublevouse contra Froila, feito que provocou a intevención de Afonso I que arrasou Lugo, Tui, Oca e outras localidades galegas. Faltándolle capacidade administrativa para dirixir de xeito centralizado un reino que abranguese o territorio galego, semella que optou por manter o que xa contaba centrándoo nas actuais Asturias e Cantabria, ao non representar perigo deixar ás marxes a vascóns e galegos, carentes, por mor da atomización en poderes locais, da unidade de acción precisa para representar ameaza algunha para o nacente Reino astur. Non semella, xa que logo, que a actividade violenta de Afonso I significase a integración de Galicia no seu reino; os repoboamentos que realizou con continxentes mozárabes, como o liderado polo Bispo Odoario, feito durante moito tempo empregado para xustificar a posibilidade dunha tal incorporación, atinxiron en Galicia só á súa parte setentrional e mariña, a máis próxima ao territorio astur. Así as cousas, as campañas de Afonso I en Galicia corresponderían máis ben a unha dinámica típica dos pobos do norte, de incursións de rapina e saqueo das riquezas dos vales ao sur dos montañosos territorios asturianos. Deste xeito, explícase mellor unha posterior organización armada dos poderes locais galegos contra Froila I (757-768), quen procurou a plena incorporación de Galicia no reino galaico-astur, que xa contaba cunha administración apropiada e con posibilidades de expansión. Como consecuencia das campañas de Afonso I cara ao sur, nas que se executaba os musulmáns trasladando os mozárabes ao norte cristián, e da epidemia de varíola que arrasa a Península Ibérica a mediados do s   VIII, conformouse unha terra de ninguén na conca do Douro ao provocar o abandono dos núcleos de asentamento existentes. Acadou así unha máis nidia separación territorial entre as terras noroccidentais da Península Ibérica, nas que comezaba a destacar o reino astur, das do sur, de administración predominantemente musulmana. Á súa morte, sucedeuno no trono astur o seu fillo Ramiro I, mentres que no de Galicia, cando menos de xeito nominal, Froila I (757-768), que finou asasinado tras sufrir a oposición constante dos poderes locais galegos.