Afonso I Henriques de Portugal
o Conquistador ou o Bravo (Guimarães 1112 - Coimbra 1185) Conde de Lusitania (1114-1139) e primeiro Rei de Portugal (1139-1185). Fillo de Enrique de Borgoña e de dona Tareixa, filla bastarda de Afonso VI de León e Castela -contra quen se rebelou para apoderarse do goberno de Portugal (1128)-, formouse cunha nobreza portuguesa reivindicativa de autonomía fronte ao Reinado leonés. No ano 1137 invadiu Galicia e ocupou Tui, onde pactou con Afonso VII de Castela e lle prometeu fidelidade. Non obstante , a partir de 1139, logo dunha incursión polo Texo na que derrotou os musulmáns en Ourique, comeza a titularse como Rei de Portugal, estado cristián independente. No Tratado de Zamora de 1143 recoñecíaselle o título, o que aproveitou para iniciar un período de expansión do novo reino cara ao sur conquistando Lisboa e Santarem (1147) e asegurando o control da liña do Texo ata o Alentejo. No 1158, prevendo un ataque de Fernando II de León e de Sancho III de Castela, regresou a invadir Galicia. No 1165, pactou en Pontevedra con Fernado II e cedeulle en matrimonio a súa filla Urraca. Tomou Évora e Cáceres (1169) e en Badajoz enfrontouse con Fernando II. Este derrotouno e esixiulle a devolución de Extremadura e de Galicia. No ano 1179 unha bula papal recoñéceo ante a Santa Sé como monarca con dereito sucesorio.