Afonso III de Portugal o Reformador

Afonso III de Portugal o Reformador

(Coimbra 1210 - Lisboa 16.2.1279) Rei de Portugal (1248-1279). Irmán de Sancho II o Capelo (1223-1248), fillo de Afonso II e sucesor seu no trono de Portugal, proclamouse Rei de Portugal despois de que o Papa Inocencio IV lle concedese a administración do reino en detrimento do seu irmán. Entre 1226 e 1229 marcha a Francia, onde recibiu unha coidada educación a carón do seu primo Afonso de Tolosa. Dende 1234, momento no que creou a súa propia casa, iniciou un proceso de proxección social marcado polo casoiro, en 1238, con Mahaud (Matilde) II -viúva do conde de Boulogne-; o outorgamento, nas terras de Oïl, do título de conde de Boulogne; e o investimento como cabaleiro. A principal preocupación de Afonso III, unha vez conquistado o Algarve en 1250 aos musulmáns, será a de fortalecer a administración rexia, mediante un importante aparello xurídico-administrativo que procurou centralizar as estruturas de poder (as Inquirições de 1258). Co fin de encontrar un equilibrio diplomático co inimigo máis veciño, decide casar con Beatriz, filla de Afonso X. A Corte de Afonso III converteuse nun importante fogar para trobadores, entre os que cómpre salientar a Johan Perez d’Aboim e Roi Gomez de Briteiros, que introduciron na lírica galego-portuguesa a chanson à refrains ou chanson à citation, a pastorela e o rondel, elementos da lírica de Oïl. Así mesmo, é moi probable que debamos a Afonso III a entrada da materia de Bretaña na nosa literatura ao encomendar a un tal Johan Vivas a tradución ao galego-portugués da prosificación da lenda artúrica coñecida como Post-Vulgata e da que sobreviven o Livro de José de Arimateia, dous fragmentos do Livro de Merlin e a Demanda do Santo Graal. Na súa Corte, ou polo menos durante o seu reinado, estiveron activos, ademais dos xa referidos, os seguintes trobadores (incluíndo os máis hipotéticos): Afonso Lopez de Baian, Afonso Mendez de Besteiros, Afonso Paez de Braga, Estevan Reimondo, Fernan Fernandez Cogominho, Fernan Garcia Esgaravunha, Fernan Gonçalvez de Seabra, Fernan Velho, Gonçalo Garcia, Johan Lobeira, Johan Mendiz de Briteiros, Johan Soarez Coelho, Lourenço, Men Rodriguez de Briteiros, Men Vasquez de Folhente, Pero d’ Ornelas, Pero Mafaldo, Pero Mendiz da Fonseca, Rodrigu’ Eanes d’ Alvares e Vasco Rodriguez de Calvelo.