afrikaans*
Lingua xermánica orixinada ao sur do continente africano a partir dos dialectos neerlandeses dos colonizadores establecidos a mediados do s XVII. É unha das linguas oficiais na República de Sudáfrica. A variedade dos dialectos orixinarios, a mestura dos holandeses con colonizadores doutras linguas e, entre outros, o seu contacto coa poboación aborixe fixeron que a lingua flexiva dos colonizadores evolucionase a formas analíticas. Ata o s XX o neerlandés foi a lingua de cultura dos sudafricanos, pero cara a segunda metade do s XIX un movemento autoctonista propugnou o uso do afrikaans, que acadou o status de lingua oficial en 1918 e, en 1925, acabou por substituír o neerlandés. O primeiro texto literario en afrikaans é de finais do s XVIII, son uns versos satíricos aparecidos en 1795 na Cidade do Cabo. No s XIX, coa chegada de compañías teatrais europeas e coa aparición do xornalismo, manifestáronse as bases dunha cultura autóctona. En 1902, logo da guerra anglo-bóer de 1899, un movemento poético afirmou a literatura afrikaans, que se deu a coñecer en 1905 coa primeira compilación simbolista de Eugène Marois; sen embargo, a máxima figura do grupo foi C. L. Leipoldt. No campo da prosa, escritores como C. J. Langenhoven ou como D. F. Malherbe non chegaron ao mesmo nivel dos poetas, aínda que crearon as bases dunha narrativa nacional. Da xeración seguinte, marcada pola Primeira Guerra Mundial, sobresaíron novos poetas, entre eles os irmáns Toon e C. M. van den Heever. Entre os poetas máis detacados dos anos trinta están W. E. G. Louw, N. P. van Wyk Louw, Elisabeth Eybers, Uys Krige (tamén autor teatral e tradutor de escritores europeos), Ernst van Heerden, posuídor dun gran sentido da lingua, Olga Kirsch e D. J. Opperman, o máis universal e ligado a experiencias surrealistas. Durante os anos de 1960 xurdiu o movemento dos Sestiger (os dos sesenta), formado por escritores novos comprometidos coa conflitiva realidade social do país entre os que cómpre salientar a André Brink, Étienne Leroux e Breyten Breytenbach.