afroasiático -ca
-
adx
Relativo ou pertencente conxuntamente a África e a Asia.
-
adx e s
m
[LING]
Dise da familia de linguas africanas, segundo a clasificación de J. H. Greenberg, asimilable con algunhas modificacións á camito-semítica. A familia afroasiática subdivídese nas pólas seguintes: semítico, exipcio, bérber, cuixítico, omótico e chadiano.
-
bloque afroasiático
[POLÍT]
Conxunto de países de Asia e de África, unidos por lazos de solidariedade e pola súa común actitude fronte ás antigas metrópoles no proceso de descolonización destes dous continentes. O bloque comezou a configurarse na Conferencia de Nova Delhi (1949), se ben nese momento era maioritariamente árabe-asiático. As liñas principais da súa política establecéronse na Conferencia de Bandung (1955). Na Conferencia do Cairo (1957-1958), á que non asistiron algúns estados que acusaban a conferencia de procomunista, instituíuse unha organización permanente, a Organización de Solidariedade cos Pobos Afroasiáticos (OSPA). Malia que a OSPA non se disolveu, nunca conseguiu reunir o conxunto de estados africanos e asiáticos debido aos múltiples motivos internos e externos de disgregación.