agrario -ria

agrario -ria

(< agro)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao agro.

    Ex: O sistema de reorganización agraria aplicouse mal.

  2. leis agrarias [HIST/DER]

    Leis que na época romana rexían a repartición do ager publicus. A primeira lei agraria, que se atribúe a Espurio Casio, ditouse co obxecto de repartir unha parte do ager publicus. A principios do s IV a C votouse a lei de Licinio Estolón, que regulamentaba os dereitos de uso do ager publicus e limitou a extensión que os particulares tiñan dereito a ocupar. Durante o s III a C, as guerras, a importación de trigo, o aumento de escravos e o establecemento da política de colonizacións provocaron serios conflitos entre os pequenos campesiños libres, que estaban nunha situación bastante precaria debido ao aumento progresivo das grandes propiedades, e dos grandes terratentes, que pretendían converter en vitalicios os seus dereitos sobre o ager publicus, polo que se ditaron un novo conxunto de leis tendentes a favorecer os plebeos fronte aos aristócratas. As reformas dos tribunos Tiberio Graco (134-133 a C), que quixo limitar a extensión das terras e o número de cabezas de gando, e de Gaio Graco (124 a C), que tentou crear unha organización estatal de hórreos, fracasaron, sendo ambos asasinados. As leis foron revisadas por Mario (100 a C), que distribuíu terras de África, de Córsega e do val do Po. César (59 a C) mandou votar dúas novas leis que repartiron todo o que quedaba de ager publicus na Península Itálica e, agás no S de Italia, onde subsistiron abundantes latifundistas, as clases medias fixéronse donas de numerosas terras no resto da Península Itálica. Antonio promulgou unha nova lei agraria (44 a C). O problema xurdiu de novo con Nerva (97 d C), quen propuxo unha nova lei agraria que non foi aceptada debido a que propuña dotar á plebe romana de terras.

  3. reforma agraria [HIST]

    Conxunto de medidas políticas e económicas destinadas a estimular o desenvolvemento agrario por medio de cambios na repartición da terra, mutando o réxime de propiedade. Dende o s XVIII, algúns estados europeos tentaron revitalizar a produción agraria sen tocar a estrutura do réxime señorial no que se baseaba a sociedade. Tal foi o caso do reformismo ilustrado español, obsesionado pola lei agraria. O liberalismo burgués propoñía, en troques, deixar libre xogo ás forzas económicas, cousa que requería ter liquidada a estrutura da propiedade do Antigo Réxime (como aconteceu na Francia republicana). No estado español, os intentos das Cortes de Cádiz e do réxime liberal do trienio 1820-1823 foron ineficaces; comezaron a ter efecto coa desamortización eclesiástica, sen que a supresión deste latifundismo solucionase os problemas do agro. O concepto moderno de reforma agraria desenvolveuse no s XX, cando algúns gobernos interviñeron para impoñer unha repartición da propiedade da terra máis axeitada. Coa finalidade de eliminar o latifundismo producíuse a reforma agraria mexicana e as reformas do 1918 ao 1929 na Europa oriental. A reforma agraria española, promulgada pola Segunda República (1932), deu coa oposición dos terratenentes, que conseguiron anulala. Despois da Segunda Guerra Mundial, os países subdesenvolvidos tenderon a reformas agrarias que propiciasen, antes que a repartición da gran propiedade, o establecemento de explotacións de tipo colectivo e estatal, como aconteceu na China e Cuba.

  4. reforma agraria técnica

    Política agraria que desenvolve un conxunto de innovacións nas explotacións sen abordar transformacións na estrutura da propiedade.

  5. sistema agrario [AGR]

    Conxunto coordinado de traballos e de técnicas de produción empregadas para obter os mellores rendementos posibles do solo. As técnicas empregadas son moi diversas: de conquista, mellora e traballo do solo e de tratamento de cultivos. Os sistemas agrarios están moi diversificados, porque responden a unha serie de condicións xeográficas e económicas, variables no espazo e no tempo. Esta diversidade pode incluírse en dous grandes grupos: sistemas agrarios autárquicos, encamiñados a asegurar a supervivencia de grupos reducidos, e sistemas agrarios vencellados ao comercio internacional. Os sistemas agrarios condicionan o ritmo de traballo, a forma de vida, a tipoloxía da vivenda rural, a mentalidade do agricultor e a caracterización da paisaxe agraria.

Palabras veciñas

agrandar | agranulocito | agranulocitose | agrario -ria | Agrario Barcalés, El | Agrario, El | agrarismo