agrarismo

agrarismo

(< agrario)

s m [HIST/POLÍT/AGR]

Denominación aplicada a diversas tendencias políticas que teñen en común un interese centrado nos problemas do agro e dos labregos. Ás veces son movementos que propugnan unha profunda reforma agraria, como é o caso de México coa figura de Emiliano Zapata. En Europa a denominación adoita aplicarse a formacións conservadoras que representan os intereses dos medianos propietarios. O agrarismo está considerado como o movemento social máis importante da Galicia contemporánea, desenvolvéndose en senso estricto entre a década dos oitenta do s XIX e a Guerra Civil Española. Fenómeno de extraordinaria complexidade, encontra a súa unicidade no duplo obxectivo de garantir a supervivencia do maioritario campesiñado parcelario fronte ao desafío do mercado capitalista, e de artellar social e politicamente os intereses deste grupo social. Comprendido no contexto de mobilización dos intereses agrarios que se rexistra en todo o continente europeo a partir da denominada crise agraria finisecular, orixinada pola competencia dos países novos de ultramar e pola ampliación dos dereitos de sufraxio e asociación que dan lugar á sociedade de masas, o agrarismo galego sitúase na mesma corrente histórica da que xorden o cooperativismo agrario escandinavo, a Land League irlandesa e os movementos agrario-populistas de Centroeuropa. Por enriba de certa retórica arcaizante, o agrarismo resulta ser, xa que logo, un signo das transformacións en todos os ámbitos da sociedade galega durante o primeiro terzo do s XX. A primeira manifestación do agrarismo está constituída polas mutuas gandeiras ou obrigas parroquiais, que, baseadas en formas tradicionais de asociación, teñen como obxectivo resarcir das perdas os gandeiros nun momento no que, a partir da conexión ferroviaria coa Meseta, a comercialización de carne cara aos mercados de Madrid e Barcelona se revela como un dos principais vieiros de inserción de Galicia na economía española. No derradeiro lustro do s XIX aparecen, primeiramente no contorno de Pontevedra e Vigo, as sociedades agrarias propiamente ditas, que van tirar a súa fortaleza dun duplo pulo: os restos da solidariedade da comunidade parroquial (de aí que sexa este o ámbito de implantación maioritario) que os agraristas reorientan no seu beneficio, e a ampliación de horizontes e a corrente de enerxías e novas perspectivas que os obreiros (coa nada clara delimitación dos ámbitos rural e urbano na Galicia da época) e os retornados da emigración insuflan na sociedade rural. No marco político da Restauración, era inevitable que as forzas excluídas da quenda (republicanos, socialistas, anarquistas, tradicionalistas) tentasen aproveitar o potencial que representaba o nacente movemento agrarista para minar as bases do dominio dos partidos dinásticos. Non obstante , nin o agrarismo foi sempre contrapoder, xa que existiron sociedades patrocinadas dende as redes de poder de liberais e conservadores, nin esgota a súa actividade na faceta anticaciquil, que non debe agochar as funcións cooperativistas, educativas ou de divulgación técnica que desenvolvían as sociedades agrarias. O período que vai entre 1906 e a Primeira Guerra Mundial é decisivo na historia do agrarismo, xa que durante estes anos converteuse nun fenómeno que abrangue a toda Galicia, multiplicándose sociedades e federacións agrarias que superan amplamente o ámbito meridional ao que se circunscribira case por completo ata entón. Así mesmo, asístese a varios intentos de dar unha coordinación e orientación únicas ás asociacións que por ducias se inscribían nos Gobernos Civís das provincias. A súa diversidade ideolóxica, táctica e xeográfica dá idea da diversidade do movemento agrario galego: Solidaridad Gallega, xurdida no 1907 a imitación da súa homónima catalana, buscará no campesiñado organizado a súa base de masas ao promover o asociacionismo agrario, estoupará víctima da súa incapacidade para superar as tensións derivadas da súa heteroxeneidade interna (rexionalistas, republicanos, neocarlistas); a Unión Campesina, impulsada dende os arredores da Coruña polos elementos de credo anarquista, dominadores do movemento obreiro na cidade herculina; o Directorio de Teis, a xeito de coordinadora da loita antiforal, con especial incidencia na Galicia meridional, e que puxo sobre a mesa a cuestión fundamental do acadamento da propiedade plena da terra; Acción Gallega, manifestación de populismo agrario forte en Pontevedra e Ourense, encontrou na figura de Basilio Álvarez a persoa máis carismática da historia do agrarismo. Paralelamente, foron tamén estes os anos da aparición do societarismo agrario católico, impulsado pola Igrexa como alternativa produtivista e aparentemente apolítica, co fin último de garantir a orde social e crear unha masa de pequenos propietarios que servise de dique contra a expansión de ideoloxías que consideraba subversivas, como xa acontecera entre o proletariado urbano. Se o agrarismo amosou deste xeito toda a súa diversidade, tamén foi quen de elaborar na serie das Asembleas Agrarias, iniciada coa de Monforte de Lemos do 1908, e coa participación de técnicos e de sociedades agrarias de moi diverso matiz ideolóxico, un programa de reforma agraria para Galicia de innegable madureza. Os acontecementos que se sucederon neste curto período de tempo fixeron dicir a Basilio Álvarez que neses poucos anos “pasou un século polas cabezas dos nosos labregos”. O período 1914-1918 ofreceu unha aparente calma dada a inexistencia de intentos de coordinación a grande escala como os devanditos, pero baixo esta impresión superficial incubáronse os xermolos do que será a axitación sen precedentes entre o fin da Primeira Guerra Mundial e a instauración da ditadura de Primo de Rivera. Durante a Primeira Guerra Mundial (1914-1918) detectouse unha agudización dos antagonismos ao redor da cuestión foral debido á menor tolerancia cos atrasos e impagos dos perceptores, que tentaron sacar o máximo proveito da conxuntura alcista dos prezos agrarios. O tempo, continuou o bulir organizativo co artellamento de federacións agrarias a diversa escala no contexto dos motíns pola carestía das subsistencias e as folgas xerais de 1916 e 1917, nas que se produciron interesantes fenómenos de colaboración entre o movemento obreiro e sectores do agrario. Entre 1918 e 1923 vaise producir unha escalada de tensión no agro galego, sobre todo na metade meridional, fundamentalmente ao redor da cuestión foral e en boa medida debido a que a opción abolicionista (sen indemnización ao dominio directo) convértese en maioritaria dentro do agrarismo non confesional. A presión contra os perceptores, a resistencia aos embargos, ao boicot aos que non seguían as consignas das sociedades, etc, deron lugar a múltiples episodios de violencia que quedaron simbolizados nos sucesos de Guillarei (Tui), o 27 de novembro de 1922, cando caeron baixo os disparos da Garda Civil tres dos campesiños que acudiran a impedir o embargo dun dos seus veciños por impago de rendas forais. A nivel organizativo, chegouse agora á polarización da meirande parte do universo agrarista entre as Federacións Católicas organizadas a nivel diocesano e a Confederación Regional de Agricultores Gallegos (CRAG), con Basilio Álvarez como cabeza visible. A chegada da ditadura de Primo de Rivera foi celebrada polos agrarios católicos como personificación das súas nocións dun estado autoritario con concesións corporativistas, pero tamén pola maior parte dos sectores agrupados na CRAG, que viron nel a personificación dun cirurxián que había de sandar o dexenerado sistema parlamentario da Restauración. Na operación de rexeneración da vida política, foron numerosos os agrarios incorporados a nivel municipal e provincial como persoal político de recambio, ante o descontento e a crítica dos sectores máis progresistas das sociedades galegas na emigración, que non viron con bos ollos a complicidade cun réxime autoritario que, ademais, ía esquecendo as súas proclamadas intencións de provisionalidade. Paralizadas as contendas electorais e desactivada a cuestión foral mediante o Decreto de Redención de Foros (1926), durante os anos vinte notouse unha maior actividade nos aspectos de divulgación técnica, complementando o labor dos servicios agronómicos e dos centros oficiais, e cooperativista, favorecida ademais polo ciclo alcista dos prezos agrarios en España. A Segunda República marcou o período de máxima politización do agrarismo, con cada un dos partidos competindo por se facer cunha base de apoio o máis ampla posible entre as sociedades agrarias. No seu conxunto, o balance derivou cara á esquerda, tendencia acentuada polo devalo do societarismo confesional, e cara a unha politización máis explícita que en épocas anteriores de moitas das sociedades, mesmo chegando a actuar oficialmente en bastantes casos como seccións locais de determinados partidos. No aspecto cooperativista o esforzo orientouse a amortecer os efectos da depresión económica, sendo de carácter económico a causa que orixinou os maiores episodios de mobilización popular: a protesta contra a crecente importación de carnes conxeladas sudamericanas que devaluaban a produción galega. O agrarismo tivo a súa fin na nova orde de cousas imposta tralo triunfo do golpe militar de xullo do 1936, que virá seguido da represión en todas as súas facetas de moitos líderes agrarios, a disolución da maior parte das sociedades existentes (agás mutuas e católicas) e finalmente a integración das supervivintes na estrutura sindical oficial. As Hermandades de Labradores y Ganaderos, de ningún xeito poden ser inseridas na mesma traxectoria histórica do agrarismo anterior a 1936. Por enriba dos avatares descritos ata agora, a verdadeira dimensión do agrarismo só se pode albiscar a partir do estudo da enorme variedade de actividades que potencialmente podía desenvolver unha sociedade concreta: mutualismo gandeiro, compras en común de inputs agrícolas, cooperativismo de produción, crédito agrícola, divulgación de novidades técnicas, actuacións no eido educativo, regulamento da convivencia parroquial en todas as súas manifestacións, introdución de novas formas de sociabilidade (mitins, festas agrarias) e de coñecemento e cultura (prensa, conferencias, creación de bibliotecas, etc) e moitas outras facetas que permiten comprender o seu impacto na sociedade galega contemporánea.

Confrontacións

abolicionismo, redencionismo, foro