Agrupación de Gallegos Libertarios

Agrupación de Gallegos Libertarios

Ó inicio da Guerra Civil Española, o número de refuxiados galegos en Asturias superaba os 7.000, destacando pola súa importancia os militantes e simpatizantes anarcosindicalistas. Este colectivo comezou a organizarse a comezos do inverno de 1936-1937, creando a Agrupación Confederal Galaica en Asturias coa intención de prestar asistencia a evadidos e promover a incorporación dos galegos residentes en Asturias a unidades militares controladas pola CNT. Na constitución da agrupación, participaron cadros moi coñecidos da CRG, como Alfonso Fandiño, de Santiago, Serafín Varela, de Lugo, Melquíades Lestón, de Porto do Son, ou Miguel Vázquez Valiño, de Noia. Andando o ano 1937, a Agrupación foi recoñecida con carácter informativo polo Comité Nacional da CNT cando xa contaba con cerca de 600 afiliados e unha delegación en Bilbao. Pouco antes da caída da fronte do Norte, o seu exemplo espallouse a Madrid, Valencia, Barcelona, Cartagena e Girona, onde entre 1937 e 1938 se artellaron as dúas Agrupacións de Gallegos Libertarios. Na súa organización interviñeron militantes cenetistas galegos refuxiados nas devanditas localidades: Manuel Amil, en Madrid; Luís Chamorro e Manuel Pita Armada, en Cartagena; Alfonso Fandiño e Miguel Vázquez Valiño, que puideron fuxir de Asturias, en Valencia e Girona, respectivamente. A de Madrid, presidida polo mestre e poeta ourensán Samuel Gómez González, foi a máis nutrida, e no verán de 1938 xa tiña avalado case mil evadidos e prisioneiros galegos; a Agrupación madrileña tamén editou o decenario Galicia Libre. Para coordinar as actividades das diversas seccións, en abril de 1938 terá lugar un pleno en Madrid no que se acordou constituír a Federación de Agrupaciones de Gallegos Libertarios; o pintor compostelán Afonso Fandiño Ricart foi o seu primeiro e único secretario.