Agrupación Confederal Galaica
[ACG] Constituída en Asturias durante a Guerra Civil, nos últimos meses de 1936. Nun principio estaba conformada por un grupo de militantes anarquistas procedentes de diferentes puntos de Galicia (Santiago, Noia, A Coruña, Espasante, Cariño, Marín, Bouzas e Vigo), refuxiados en Asturias nos comezos da sublevación militar. O principal obxectivo desta asociación era o de agrupar e organizar os libertarios fuxidos de Galicia, chegando a reunir 600 afiliados nos primeiros meses da contenda. Mantiveron unha forte actividade antifascista na área asturiana non ocupada, levando a cabo unha ampla campaña de propaganda, dirixida, sobre todo, aos mariñeiros da flota pesqueira con base en Asturias, Euskadi e Cantabria. Neste sentido, tentaron constituír sucursais da agrupación en Santander e Bilbao, chegando a funcionar a de Euskadi, aínda que por pouco tempo. Por outra banda, a ACG realizou un importante labor de asistencia aos afiliados e evadidos, tentando cubrir as necesidades de alimentación, roupa e vivenda dos refuxiados, mediante as cotas pagadas polos socios. Así e todo, unha importante porcentaxe das accións da Agrupación estiveron enfocadas cara á integración do maior número posible de galegos en unidades militares homoxéneas, baixo o control da propia organización libertaria. A súa actividade continuou ata a caída de Asturias no 1937.