Airas Paez
Xograr, quizais de orixe galega, activo a finais do século XIII e comezos do seguinte. A referencia nas súas cantigas de amigo ao santuario de Santa María de Reza e a súa suposta presenza nun documento de 1284, onde constaba a compra da renda de dúas casas do centro de Ourense, por parte del e da súa muller Urraca Anes, confirman a súa probable orixe ourensá. Era un dos xograres que estaba ao servizo do Rei Sancho IV de Castela e León. Seica foi tamén un dos beneficiados nas súas Cuentas no mes de xuño de 1293. Parece que despois dunha estadía, non determinada, nesta corte castelá, se asentou en Navarra e frecuentou, en 1303 e 1304, a Corte de Xaime II de Aragón. A súa produción poética, formada por dúas cantigas de amor e dúas de amigo, clasificadas como de santuario, foi copiada tanto no Cancioneiro da Biblioteca Nacional como no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. As dúas cantigas de amor encádranse na temática predominante do xénero amoroso: a coita, a perda do sono, a presenza dos gardadores, etc. Tamén as cantigas de santuario presentan os trazos típicos da súa modalidade xenérica: o desexo da amiga por atoparse co seu namorado en Santa María de Reza contando para iso coa axuda dunha terceira personaxe-adxuvante, a súa irmá. As catro son cantigas de refrán pero varía o tipo de cobras. Nunha das cantigas de amor empregou cobras alternas e na outra cobras unisonantes. Pola contra, nas cantigas de santuario optou por cobras singulares. Nos seus versos están presentes case todos os recursos retóricos da lírica galego-portuguesa. Chama a atención o emprego do leixaprén - recurso que se adscribe fundamentalmente ás cantigas de amigo- na cantiga de amor “Dizen pela terra, senhor, ca vos amei”.
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : XIV