Aires da miña terra

Aires da miña terra

Libro de poemas escrito por Manuel Curros Enríquez, no que os temas fundamentais son o civismo, o costumismo e o intimismo. Saíu á luz no 1880, no mesmo ano en que aparecen Follas novas de Rosalía de Castro, e Saudades gallegas de Lamas Carvajal. Destaca esta obra pola actitude do poeta ante a realidade social de finais do s XIX. É a obra máis emblemática de Curros, que ademais supuxo un fito na literatura galega, na que non se limita a expor unhas ideas ou uns sentimentos, senón que vai moito máis alá. Curros engádelle o concepto romántico de que o poeta debe desempeñar un papel didáctico, debe servir de guía. Esta obra é un alegato a favor dos máis desfavorecidos. Cre no poder da palabra posta a prol da xustiza (o poema “O maio” é un claro exemplo disto; a curia e o clero son os males sociais, as dúas pragas contra as que deben loitar os mozos). O deber do poeta, segundo Curros, é crebar a ira, combater as inxustizas polas que está a pasar o pobo galego. Por outra banda, Curros confía no progreso representado pola locomotora e alimenta a esperanza nun mencer de liberdade como se ve no poema “A primavera”. Curros eríxese como guía do pobo e para iso tomará como arma combativa a poesía feita nunha lingua dialectal e popular. Na Introdución explica o motivo de empregar unha lingua que carece de prestixio e asemade confía en que acadará o rango que merece e que perdeu por circunstancias alleas á propia lingua. Debe chegar ao pobo da maneira máis directa posible, onde este se sinta identificado. O último poema do libro remata falando da lingua, pois se morre a última palabra que pronuncie será en galego. Coa publicación desta obra viuse perseguido polo goberno e pola Igrexa, para ser condenado tras unha disputa co Bispo de Ourense por unha serie de poemas considerados heréticos e blasfemos. Curros ataca directamente ao clero, considéraos ancorados nunha sociedade feudal, e que non actúan como é de esperar. Fomentan uns cultos que só serven para ter ao pobo baixo o seu dominio. “Luciano Puga”, “Mirando ao chan”, “Igrexa fría”, “Diante dunha imaxe de Íñigo de Loyola”, son algúns destes poemas. Ante esa reacción da Igrexa, Curros publicou posteriormente O divino sainete, onde o tema fundamental é o anticlericalismo. É bastante difícil facer unha separación rotunda dos temas empregados por Curros, dado que nun mesmo poema podemos atopar os tres temas delimitados. No poema “ Cantiga” están todos os temas tratados por Curros. Contou con tanta sona esta composición que se tomou como cantiga popular da que hai un gran número de versións. Con esta obra Curros consagrouse como poeta cívico, para facerse eco da realidade do seu pobo, a súa poesía é comprometida, os seus poemas líricos están alimentados por unha paixón e favorecidos polo gran dominio verbal dos recursos expresivos, onde manifesta abertamente a indignación e o sarcasmo, o acedume, a dor. O poema “O maio”, á parte de presentar un cadro folclórico, resume os males sociais que oprimen a terra, os mozos vense obrigados a emigrar, xustifica a emigración como único remedio, xa que o pobo está a traballar unha terra que non lle pertence. A miseria está maxistralmente simbolizada no poema “Nouturnio, con singular concentración e forza no vello desamparado. O costumismo está moi marcado nos tres primeiros poemas: “A Virxe do cristal,” “Unha voda en ” e “O gaiteiro”. O tema destes poemas foi unha imposición, escribiunos obrigado por unha serie de circunstancias, polo que estaban xa predeterminados; presentounos ao concurso floral ourensán de 1877. Neles obsérvase unha certo raigame etnolóxica, chea de realismo. O intimismo aflora fundamentalmente nos poemas que lle dedica á súa familia, son a expresión máis íntima e desgarrada da dor pola que está a pasar o poeta. En “O ben chegado” canta ao nacemento do seu primeiro fillo. “Ai!” e “Na morte de miña nai” serven como vía de escape a un tema tan maldito como é a morte do seu terceiro fillo e da súa nai, e ao baleiro que deixan estes seres queridos.

Palabras veciñas

aireado -da | aireante | airear | Aires da miña terra | Aires da Miña Terra | Aires da Miña Terra | Aires da Terra