Alasca

Alasca

Estado dos EE UU, ao O de Canadá, no extremo noroccidental de América (1.530.700 km2; 607.007 h [estim 1996]). A capital é Juneau. O país está constituído por tres rexións naturais, ben diferenciadas, de N a S: a costa meridional (franxa duns 20 km entre a costa pacífica e a fronteira canadense), os altiplanos do interior (onde destaca a Alaska Range e o río Yukon) e o Ártico (situado no N do Círculo Polar, desde Brooks Range ata o mar). A península de Alasca é unha área de grande actividade tectónica e volcánica, especialmente nas illas Aleutianas. O clima oscila entre o polar no N e o relativamente suave e húmido no S. Os recursos económicos tradicionais son a pesca (salmón, bacallao, halibut, arenque), a transformación do peixe (conservas, salgaduras) e o comercio das peles. A principal riqueza do estado, constitúena os recursos mineiros: ouro, cobre, carbón e, sobre todo, petróleo. O territorio de Alasca ten unha poboación moi escasa de orixe amerindia. A etnia máis numerosa é a dos esquimós (o nome autóctono é inuit), que forman unha familia lingüística propia, cunhas 35.000 ou 40.000 persoas. Seguen en importancia os tlingits, de familia lingüística atapascana, cuns 5.000 membros, e os aleutes, de familia lingüística esquimó, cuns 2000 individuos. A poboación concéntrase na costa do Pacífico. Os núcleos principais de poboación son Anchorage, Fairbanks e Juneau. O medio de transporte máis eicaz é o aereo, aínda que a autoestrada (Alaska Highway), e o ferrocarril, son igualmente aproveitados para o comercio. Alasca foi explorada polo danés Vitus Johansen Bering no ano 1741 e ocupada moi pronto por comerciantes de peles rusos. Neste tempo a capital era Sitka. O Tsar Alexandre II vendeu o territorio aos EE UU por 17 millóns de dólares (tratado de Washington, 1867). Inicialmente, Alasca dependeu do estado de Oregón, pero no 1912 converteuse en Territorio cun determinado grao de autogoberno. En 1959 o país foi proclamado o 49º estado dos EE UU.