Alborada
Revista subtitulada “Órgano de la Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión” e fundada o 22 de agosto de 1925 por Antonio Díaz Novo en Bos Aires. Figuraron como directores, en orde cronolóxica: Casto M. Insua, Antonio Díaz Novo, Antón Zapata García, Xervasio Paz Lestón, Perfecto López Romero, Valentín Fernández, Manuel Antonio Baño e Manuel Conde González. A temática tratada na revista centrábase en novas para os emigrantes na Arxentina referidas aos sete concellos que conformaban o partido xudicial de Corcubión. Mesturábanse informacións económicas, deportivas e culturais coas sociais que predominaban sensiblemente. Colaboran acotío na revista escritores como Otero Pedrayo, Xesús Bal y Gay, Portela Valladares, Delgado Gurriarán, Eliseo Alonso, os irmáns Vilar Ponte, Eduardo Blanco Amor, Lois Manteiga, Antón Alonso Ríos, Ánxel Sevillano, García Barros, Ramón Rei Baltar, Carballo Calero, Neira Vilas e Rodolfo Prada. Xunto a eles, figuran as colaboracións literarias da man de Gonzalo López Abente, Xosé Collazo Martínez, Xoán Díaz Fernández ou Antón Lastres. Tanto Ricardo Flores coma Bieito Cupeiro ou Rodolfo Alonso aparecen como colaboradores habituais da revista. Reprodúcense, así mesmo, poemas de Pondal, Pintos, Alberto Camino, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Lamas Carvajal, Uxío Carré, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas, Victoriano Taibo, Amado Carballo, Euxenio Montes, Francisca Herrera Garrido e Emilio Pita e contos de Labarta Pose, Roxelio Rivero e Cousas da vida de Castelao. Os ilustradores Maside, Cebreiro, Bagaría, Cao, Vidales Tomé, Torres, Camilo Díaz e o mesmo Castelao aparecen na nómina de autores. Contiña tamén unha sección chamada “Estampa mariñeira” asinada por Ramón Suárez Picallo, onde se editaban artigos sobre a realidade de Galicia.