Alborada
Revista do Centro Galego de Barcelona fundada en 1948. Dirixírona Fernando Neyra, Antonio Lorenzo, Xavier Costa Clavell, Manuel Casado Nieto e Francisco Dapena ao longo da primeira etapa. Nesta mesma participan os autores Luís Pimentel, Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas, Ramón Piñeiro, Cabanillas, Cunqueiro e Manuel María con entregas literarias, xunto aos ilustradores Prieto Nespereira e Prego de Oliver. Publícanse por vez primeira algúns textos bíblicos en galego. Na segunda etapa, a partir de 1989, editada integramente en galego, dirixe a revista Ramiro López López, actuando como coordinadores Xosé Lois García e Ignacio Carballo. Teñen cabida na mesma espacios de opinión, crónicas políticas, datos sobre economía, emigración e sociedade, xunto ás colaboracións de Camilo Valdeorras, Ramiro Fonte, Xosé Mª Dobarro, Manuel Forcadela, Fernández del Riego, Margarita Ledo, Basilio Losada e Manuel Rivas, entre outros.