Alcarria, La
Comarca castelá repartida polo territorio das provincias de Guadalajara, Cuenca e Madrid (4.250 km2). Esténdese dende o río Henares ata a Serranía de Cuenca e limita coa Paramera de Molina e a Mancha. O relevo aséntase sobre rochas calcarias formando un conxunto de páramos e relevos tabulares que van dende os 1000 m aos 750 m de altitude. Na zona setentrional a erosión formou relevos máis complexos, con solos de materias detríticos. As máximas alturas encóntranse na Dehesa de Cifuentes (1.010 m) e as Tetas de Viana (1.128 m). Ao L, o Texo e o Guadiela escavan desfiladeiros que foron aproveitados para a construción dos grandes encoros de Entrepeñas e de Buendía. Cultívanse cereais, viñas e oliveiras. As poboacións máis importantes son Guadalajara, Arganda, Chinchón e Brihuega. O mel da Alta Alcarria é de excelente calidade. En Almonacid de Zorita foi inaugurada no 1968 a primeira central nuclear do estado español.