Alén
Comedia dramática en prosa, nun acto e tres cadros, escrita por Xaime Quintanilla e publicada en 1921. Sobresae por ter sido un dos primeiros que non presenta as ambientacións esencialistas e ruralistas propias da época, e por situar a acción dramática fóra da Galicia interior ou exterior, máis concretamente en Nova York. O mesmo autor advirte, no inicio da peza, que o asunto sobre o que constrúe a fábula argumental acontecera en América do Norte e del fixéranse eco todos os xornais do mundo. Na obra latexa a querenza que sentía o autor polo saudosismo, por Teixeira de Pascoães (“a saudade, ha de ficar sobrevivente aos mundos e ás estrelas”), nunha indubidable atmosfera orientalista, e por unha manchea de intelectuais entre os que destaca Vicente Risco. Non obstante , no texto tamén se percibe unha crítica soterrada ás doutrinas espiritistas e aos estados de inanición intelectual a que poden conducir.