Almirra, Tratado de
Tratado de alianza e delimitación das respectivas zonas de conquista acordado entre Xaime I de Aragón e o infante Afonso de Castela, futuro Afonso X, en nome do seu pai Fernando III. Foi asinado o 26 de marzo de 1244 en Almirra (Alacant). As intromisións de Afonso, dende o Reino de Murcia, na zona de conquista reservada a Aragón polos Tratados de Tudellén e Cazola provocaron unha reacción de Xaime I cando o infante quería a rendición de Xàtiva, asediada polo Rei aragonés. En resposta, Xaime I apoderouse de Villena e doutros lugares da conquista castelá, actitude que motivou que o infante establecese negociacións, que remataron coa sinatura do Tratado. A liña divisoria entre os reinos de Castela e de València pasaba pola confluencia do Xúcar e o Cabriol, polas serras de Aiora, polo porto de Almansa e polo porto de Biar e saía ao mar ao L de Aigües de Busot; estivo vixente ata a concordia de Torrellas (1304).