alotropía

alotropía

(< alótropo)

  1. s f [LING]

    Calidade de alótropo.

  2. s f [QUÍM]

    Existencia de certos elementos en dúas o máis formas, denominadas alótropos que, no mesmo estado físico, difiren polas súas propiedades físicas e, en xeral, por algunhas das súas propiedades químicas. O paso dun alótropo a outro non sempre é posible directamente. O termo alotropía foi introducido por Berzelius para os elementos e, cando se fala de compostos, son preferibles outras expresións (polimorfismo, polimerización, etc). A alotropía en estado sólido é un fenómeno de estrutura orixinado pola diferente disposición dos átomos no cristal. En estado líquido e, sobre todo, gasoso, está motivada pola existencia de especies de diferente atomicidade, e as propiedades químicas poden diferir nese caso notablemente. Os alótropos dun mesmo elemento desígnanse habitualmente de maneiras moi diversas. A IUPAC recomenda, para os nomes sistemáticos, indicar as diferencias de atomicidade con prefixos numerais, precedidos eventualmente dos prefixos ciclo- ou catena- se cómpre precisar a estrutura molecular. Segundo a maneira como ten lugar a transición entre os alótropos, a alotropía é xeralmente enantiotrópica, monotrópica ou dinámica. Na alotropía enantiotrópica a transición entre dous alótropos é reversible. A cada valor da presión corresponde unha temperatura de transición, por riba ou por baixo da cal só unha forma é estable. Na alotropía monotrópica, un dos alótropos é inestable en todas as temperaturas e, xa que logo, a transición é irreversible. A alotropía dinámica corresponde ao caso de solubilidade mutua dos alótropos, que forman unha fase homoxénea. Neste caso hai reversibilidade, pero ningún punto de transición definido.

Palabras veciñas

alotriomorfo -fa | alotriosmia | alótrofo -fa | alotropía | alotrópico -ca | alótropo | Alouatta