Álvarez Insua, Waldo
Xornalista. Publicou os seus primeiros versos na Revista Galaica, de Ferrol e os primeiros artigos en El Heraldo Gallego, de Ourense, e na Gaceta de Galicia, de Santiago de Compostela, onde fundou a publicación El Vampiro. En 1877 emigrou a Cuba onde se vencellou co mundo da emigración galega, colaborando cos seus artigos en moitos xornais e fundando a primeira publicación periódica galega de América, El Eco de Galicia (1878-1900). Impulsou o Centro Gallego da Habana. Ao longo da súa vida viaxou con frecuencia a Galicia para participar en actividades culturais e colaborar con Manuel Murguía e Alfredo Brañas na organización do Rexionalismo galego; neste sentido, presidiu os Xogos Florais da Coruña en 1891 e a Liga Gallega en 1898. En 1900 instalouse en Madrid onde fundou o Centro Gallego, do que foi o seu primeiro secretario. Exerceu de novo o xornalismo en medios como El Liberal, Blanco y Negro ou El País. Escribiu obras en castelán de tipo xurídico, crítico, ensaístico ou de temática variada. Entre elas pódense citar Aires da miña terra (1883), sobre a obra de Curros Enríquez, Galicia contemporánea. Páginas de viaje (1889), Ecos de mi patria (1892), El problema cubano (1896), La pena de muerte. La prueba de testigos. La emigración (1902), Últimos días de España en Cuba (1902), Alma nueva (1907), Deseada (1910), Vida truncada (1910), Cinematógrafo nacional (1910), La boca de la esfinge (1910) ou El milagro (1912).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Estrada -
Deceso
Lugar : Madrid