Amado/Amada
Amado/Amada
[ONOM]
Nome procedente do latín amatus, participio pasado do verbo amare ‘amar’, con posible concorrencia da forma árabe ahmad ‘loable’. A festa de santo Amado de Grenoble (s VII), celébrase o 13 de setembro e a de Amada de Asís o 20 de febreiro. A orixe do apelido pode estar nun patronímico sen sufixo ou ben nun alcume que aludiría ao sentimento de amor, simpatía que os demais lle mostraban á persoa a quen se lle aplicaba. Como apelido é bastante frecuente na nosa terra e xa aparece documentado no s XIV: “Fernando Amado” (doc ano [1321], Catálogo de los documentos medievales escritos en pergamino del archivo de la Catedral de Mondoñedo 871-1492 de E. Cal Pardo, p 278).