anáfora

anáfora

(< lat anaphŏra < gr ἀναϕορά ‘elevación, repetición’)

  1. s f [LING]

    Termo manexado polos gramáticos gregos na retórica e resucitado polos lingüistas modernos, que designa o feito de que unha parte dunha frase sexa obxecto dunha referencia ulterior dentro da mesma frase ou doutra do mesmo discurso.

  2. s f [LIT]

    Repetición do mesmo termo ou grupo de termos ao comezo de dúas ou máis cláusulas sucesivas para reforzar o sentido ou darlle simetría.

  3. s f [RELIX]
    1. Parte central da misa, nas liturxias orientais, que se corresponde co limiar ou canon da liturxia romana. É a pregaria eucarística pronunciada sobre o pan e o viño, na que se fai presente que Xesucristo fixo a derradeira cea. A máis antiga conservada completa é a Anáfora de Barcelona (s IV). Coñécense preto dun cento, a maioría da época de ouro da patrística (ss IV-VI).

    2. Nos ritos orientais, especialmente os non bizantinos, conxunto formado pola anáfora estrita, unhas pregarias precedentes e outras subseguintes (dende a oración da paz ata a bendición despois da comuñón).

Palabras veciñas

anafiláctico -ca | anafilaxia | anafonema | anáfora | anaforese | anafórico -ca | Anafreita