analoxía
(
-
s
f
Relación de semellanza entre cousas diversas, relación entre dúas ou máis cousas que teñen algunha cousa en común.
Ex: A analoxía destes libros observámola no seu formato.
-
s
f
[ARQUEOL]
Semellanza entre diferentes culturas baseadas nunha evolución converxente e independente; os paralelos entre as sociedades complexas en lugares distantes do mundo, en períodos nos que as conexións culturais entre elas son nulas, deben explicarse como o resultado dun desenvolvemento análogo.
-
s
f
[BIOL]
Semellanza funcional entre órganos de estrutura e de orixe filoxenética distintas, como por exemplo, as ás dunha bolboreta, as dunha ave e as dun morcego, os ollos dun cefalópodo e os dun vertebrado ou as espiñas da xesta e as da silva.
-
s
f
[DER]
Método de aplicación da lei por medio da que unha norma que regula un caso determinado se fai extensiva a casos non previstos pero análogos ou semellantes con identidade de razón. Fundaméntase no principio de que a feitos iguais lle corresponde igual regulación. A súa aplicación, malia contribuír a completar o sistema de normas legais, pode introducir arbitrariedade.
-
s
f
[FILOS]
En sentido estricto, correlación entre cada un dos termos de dúas ou máis ordes. Aristóteles aplicou a analoxía á análise do ser para explicar as diferentes acepcións deste termo, tese que foi desenvolvida pola Escolástica (analoxía do ente). Os termos análogos poden ter significacións diferentes, pero non completamente distintos, porque entre os seus diversos sentidos hai unha relación de semellanza que pode ser simbólica ou real. Faise sempre a atribución de calidades a Deus, por analoxía co home. Na época moderna o concepto de analoxía ocupou un posto menos central que nas tendencias escolásticas, onde aspiraba a resolver un problema capital da Teoloxía: a relación entre Deus e as criaturas, sendo eliminada sobre todo das tendencias fenomenolóxicas e funcionalistas. De todos os xeitos, Stuart Mill pon de relevo a analoxía como nome dun xeito de razoamento e Mach como unha relación entre sistemas de conceptos homólogos.
-
s
f
[FÍS]
Similitude entre o número e a forma das ecuacións diferenciais de dous sistemas físicos.
-
s
f
[LING]
Para os gramáticos gregos, tipo de paradigma de flexión ao que pertencía unha palabra. Actualmente, a analoxía designa o proceso histórico que fai que certas palabras pasen dun paradigma a outro (xeralmente máis regular), é dicir, que cambiou de analoxía. O proceso prodúcese constantemente e é moi fácil observar se nos fixamos nas formas que non se consideran correctas: o plural *lápises no canto de lapis, o participio *abrido no lugar de aberto, etc. Como as formas irregulares dunha lingua son ou ben os préstamos recentes ou ben as formas máis antigas, o cambio analóxico tende a eliminar os arcaísmos. Unha lingua con demasiadas irregularidades faría obviamente excesivas demandas da memoria dos falantes, xa que logo o cambio analóxico está considerado como un dos mellores axentes de estabilización das linguas.
-
s
f
[MAT]
Fórmulas de resolución de triángulos esféricos, empregadas máis xeralmente para comprobar os resultados achados por outros métodos, como os conxuntos de Bessel. Distínguense as fórmulas atopadas por Neper (1614) e as de Delambre e Gauss (1808), que relacionan os ángulos dun triángulo esférico cos lados opostos.
-
analoxía etnolóxica
[ARQUEOL]
Transposición ao pasado da observación das culturas actuais co fin de comprender as relacións de comportamento que subxacen á produción do rexistro arqueolóxico. Esta metodoloxía do coñecemento arqueolóxico inclúese na etnoarqueoloxía.