ancoraxe

ancoraxe

(<áncora)

  1. s f

    Acción e efecto de ancorar.

    Ex: Se a ancoraxe quedou ben feita, non debemos preocuparnos polo temporal.

  2. s f

    Conxunto de elementos destinados a fixar algo con firmeza.

  3. s f [BIOL]

    Invaxinación dunha parte da membrana celular no territorio da célula adxacente.

  4. s f [CONSTR]
    1. Aparello que serve para ligar fortemente dous elementos construtivos, especialmente o que serve para evitar desprazamentos horizontais: para ancorar a base dun pé verticalmente aos seus cimentos, unha máquina ao pavimento, uns tirantes aos dados de arrincada (nos arcos atirantados), etc.

    2. Fixación que non queda confiada á forza da gravidade para ancorar un gancho ou unha ménsula a unha parede ou un chapado (de mármore, de pedra, etc) a unha parede vertical. Xeralmente son pezas que, pola súa forma ou función, aseméllanse a unha áncora ou ben adoptan a forma dun engaste de cola de anduriña.

    3. Consolidación e inmobilización dunha vía con tirantes, tensores ou outros dispositivos que a fixen e eliminen toda clase de xogo lateral e lonxitudinal.

  5. s f
    1. [MAR]

      Acto de ancorar, particularmente un navío.

      Ex: Vimos como ancoraban o barco no peirao de Bouzas.

    2. [MAR]

      Lugar axeitado para ancorar as embarcacións. Cómpre que estea resgardado do vento e do mar e que a natureza dos fondos permita que as áncoras se aferren (fondos duros, de arxilas ou de area, preferentemente).

      Ex: A ancoraxe estaba completamente ateigada de veleiros e iates.

    3. [MAR/ECON]

      Imposición municipal que, polo menos dende o s XIV, tiñan que pagar os navíos por recibir a autorización para fondear nos portos e noutros lugares habilitados da costa. A comezos do s XVI os portos de Pontevedra e Lisboa eximiran mutuamente os seus barcos e mariños deste pago. A exacción foi unificada no ano 1851 co arancel de alfándegas e quedou refundida nos dereitos de ancoraxe da carga e descarga que recibían estes.

Palabras veciñas

Ancoradouro | ancorar | Ancorar | ancoraxe | Ancoraxe | ancorca | ancoreiro