Andes

Andes

Cordal de América do Sur, da oroxenia alpina, que constitúe o relevo máis grande do mundo con picos de 7.000 m. Ten unha lonxitude duns 8.000 km coa máxima amplitude en Bolivia (750 km) e unha orientación N-S das súas estruturas en case toda a súa superficie. En conxunto, o sistema andino está formado, ao N do paralelo 30, por dous cordais principais separados por unha plataforma elevada, o Altiplano, mentres que ao S deste paralelo só continúa a que fai de fachada fronte ao Pacífico. O cordal occidental está constituído, sobre todo, por sedimentos mesozoicos sobre un núcleo batolítico e con vulcanismo moderno; o oriental por niveis do paleozoico, principalmente sobre un núcleo de granito e xistos, quedando limitado a Oriente pola depresión Subandina, rechea por materiais terciarios e cuaternarios. Pola parte do Pacífico esténdese a cadea costeira, composta por niveis paleozoicos e precámbricos, erguida polos movementos alpinos. Os volcáns forman aliñamentos importantes, sobre todo na metade dos Andes, ao N do Ecuador. Entre os máis coñecidos atopamos o Cotopaxi (5.960 m) e o Chimborazo (6.254 m). En liñas xerais os primeiros movementos da oroxenia alpina comezaron ao N do cordal durante o Cretáceo Superior, no que se iniciaron as fallas e os dobramentos dominantes que chegarían ao seu clímax na segunda fase, cando se ergueu o cordal de levante durante o Oligoceno Inferior. A terceira fase do dobramento (Mioceno) foi a fase principal da intrusión andina e actuou principalmente sobre os dobramentos e fallas antigas, ao producir unha grande actividade ígnea. A continuación tivo lugar un ciclo de erosión intensa. A cuarta fase, durante o Plistoceno Inferior, consistiu nun alzamento e arqueamento do conxunto do cordal que provocou a formación de bloques limitados por fallas, que non teñen nada que ver coas primitivas liñas estruturais; deron lugar, deste xeito, aos Andes actuais. A actividade tectónica actualmente aínda non rematou, tal e como demostra a intensa actividade sísmica dalgúns países e o vulcanismo de determinados sectores. As temperaturas máis elevadas non se atopan no Ecuador, senón que entre os 15º e 20º S de latitude. Esta anormalidade está motivada polas fortes choivas que se producen no Ecuador e, ao seren menores cara ao S, producen temperaturas máis elevadas que, por outra parte, permiten a ocupación humana a grande altura. A actividade mineira é unha das fontes de riqueza principal en todos os países andinos. Dende o punto de vista económico ocupan o primeiro lugar os depósitos de petróleo da bacía de Maracaibo, en Venezuela, e os da rexión de Talara, na costa norte do Perú. As vías de comunicación que atravesan os Andes presentan grandes dificultades por razón das altitudes que teñen que salvar. A maioría das liñas ferroviarias enlazan centros mineiros ou agrícolas importantes cos portos máis próximos. Na vexetación dos Andes, a causa da disposición N-S e da grande extensión do cordal, sobrepóñense dúas zonificacións: altitudinal e latitudinal. De xeito esquemático, pódese dicir que os Andes están divididos en tres grandes zonas: Andes setentrionais, Andes centrais e Andes meridionais que abranguen dende as terras baixas, coas zonas das selvas ecuatoriais e tropicais, ata os desertos litorais e subtropicais e as terras temperadas e frías do extremo meridional do continente americano. Nos Andes setentrionais, por riba do piso basal de selvas ecuatoriais e tropicais que chega a subir ata os 2.000 ou 3.000 m, aparece o páramo; máis arriba dos 4.400-4.600 m aparecen formacións herbáceas máis laxas. Nos Andes centrais, o piso basal da vertente occidental está constituído polo deserto litoral, que sobe nalgúns puntos ata os 3.000 m. Ao N do Perú a transición entre o deserto litoral e as selvas tropicais faise na media montaña. Por debaixo dos 1.000 m o deserto evoluciona cara a formacións de matogueira xerófila. Máis arriba dos 2.000 m aparece o piso superior do bosque denso esclerófilo (ceja de montaña). Máis ao S acentúase o carácter desértico do piso basal e, no nivel que se correspondería co páramo, predomina a puna ou as matogueiras. Na vertente oriental, a selva tropical e a ceja de montaña chegan máis ao sur e van variando progresivamente ata chegar ás formacións basais de tipo estepario do Chaco. Nos Andes meridionais a transición do deserto litoral do N de Chile ata o bosque antártico (composto, en parte, por coníferas e, en parte, por caducifolios) faise a través de formacións arbustivas e fragas de tipo semellante ás mediterráneas. No extremo S, o bosque antártico substitúese en altura con formacións de faias ananas e outros arbustos tipicamente antártico-andinos e despois por unha paisaxe de aspecto alpino. Os representantes máis característicos da fauna andina son a llama, o guanaco, a alpaca e a vicuña. Nos Andes viven tamén diversas especies de rilladores (como a chinchilla), o oso negro dos Andes, marsupiais didelfos e aves como o cóndor.