Acad ou Akkad, Accad, Acadia e Agadé

Acad ou Akkad, Accad, Acadia e Agadé
  1. s f

    Cidade da Mesopotamia, fundada e restaurada por Sargón o Grande contra o 2600 a C. Foi a capital do Imperio Acadio, que dominou Mesopotamia durante a dinastía de Acad, a principios da segunda metade do III milenio. Os seus cobizados restos arqueolóxicos aínda non se acadaron.

  2. Acad, dinastía de [HIST]

    Dinastía semítica de Mesopotamia (2371-2191 a C) do país de Acad que estableceu a capital na cidade de Acad. Fundada por Sargón, tivo once reis, dos que sobresaíron Rimush, Manishtusu, Naram-Sin e Shar-kali-sharri. Rematou coa derrota do último destes a mans dos guti, pobo montañés que procedía dos Zagros, aínda que continuou con seis monarcas máis sen relevancia. O poder baseábase no elemento semítico autóctono, aínda que algunhas opinións apuntan a que é un elemento inmigrado dende Siria, en detrimento do sumerio. Este feito implica, así mesmo, a división de Mesopotamia en dúas partes ben diferenciadas, a semítica e a sumeria, unha fenda étnico-política descoñecida na fase anterior, de control sumerio. Impón, por outra banda, unha organización política centralizada dende Acad, rompendo coa tradición sumeria de pequenas cidades-estado. Malia a súa dureza a dinastía foi inestable, tres dos seus reis morreron asasinados. En política exterior os acadios foron militaristas e expansionistas, chegaron a estender os seus dominios dende Anatolia ata o oeste de Irán, e dende a Alta Mesopotamia ao Golfo Pérsico, aínda que cun laxo control sobre a totalidade do territorio.

Palabras veciñas

acaciano -na | Acacio de Cesárea, o Birollo | Acacio de Constantinopla | Acad ou Akkad, Accad, Acadia e Agadé | acadar | acadarmar | academia