Amaro, santo o Peregrino
Na tradición galega, ten unha lenda semellante á de santo Ero de Armenteira. Era Amaro de familia nobre, que herdara dos seus pais unha fortuna; logo de fundar con ela hospitais e asilos para pobres, emprendeu unha peregrinación para chegar ao Paraíso. Tras moitos traballos chegou co seu barco a unha illa deserta (igual que san Brandán), e alí iniciou el só a subida a un monte. No cume atopou un velliño que gardaba a porta dunha muralla de prata: no seu interior estaba o Paraíso. Como non podía entrar, por estar reservado aos mortos, o vello, apiadado, deixoulle botar unha ollada. Abraiado polo que vira, baixou onda o barco, pero en vez da praia encontrou unha gran cidade: pasaran trescentos anos. Co paso do tempo fórase formando unha grande urbe que levaba o seu nome, santo Amaro. Arrepentido pola súa soberbia, foise axeonllar diante do altar maior pedíndolle a Deus que o levase con El. Ante o asombro dos presentes, aquel home caeu morto diante do altar, onde o enterraron e comezou o culto. Ten moita devoción en Galicia e é moi avogoso, especialmente da dor de cabeza e mais da reuma. En Arnoia e en Mourazos poñen o santo sobre ombreiros e extremidades e na súa celebración asan chourizos e catan o viño con noces. En Goián tamén fan fogatas ou cañotas diante da ermida do santo. Polo santo Amaro acábaselles aos rapaces o tempo de xogaren coas buxainas, que empezara co san Martiño. Desta santo compuxéronse as pezas teatrais O San Amaro de Varela Buxán e o poema “O bendito San Amaro” de Ramón Cabanillas. Este santo Amaro viaxeiro máis aló da morte pode moi ben ser unha lenda galega, e cadra co feito de que os mouros das lendas castrexas non son os musulmáns senón os devanceiros prerromanos e, xa que logo, nada ten que ver co san Mauro, discípulo de san Bieito, que, en cambio, lle dá abeiro litúrxico, xa que santo Amaro non figura no calendario litúrxico oficial. Celébrase o 15 de xaneiro. Santo Amaro é titular de dúas parroquias e patrón dos concellos de Pazos de Borbén, Vilanova e Santo Amaro aínda que neste último sitio a súa celebración ten lugar o 15 de xullo.