Angés, Juan de

Angés, Juan de

o Mozo (León ? - Ourense 1596) Escultor, fillo de Juan de Angés o Vello. Na súa primeira etapa, en León e Valladolid, foron decisivos na súa formación Juan de Juni e Gaspar Becerra. Dende 1587 detéctase a súa presenza en Ourense, que facilitou a introdución do estilo de Juni na diócese ourensá e a creación dunha importante escola da que saíu un dos máis destacados escultores do Barroco galego: Francisco de Moure. A súa primeira obra está inzada de trazos expresivos e denota un forte detallismo, características da escola castelá; sen embargo, logo evolucionou cara á linguaxe maneirista na que os rostros perden a súa expresividade e os esquemas compositivos buscan a sensación de equilibrio mediante o recurso do contraposto. A súa actividade artística en Galicia comeza no coro da Catedral de Ourense (1587), que trazou xunto ao de Diego de Solís e constitúe un dos cadeirados máis importantes do Renacemento galego xunto ao de Compostela. Así mesmo, traballou no retablo maior da igrexa do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, no de Xunqueira de Espadañedo e no de Santa Mariña de Moreiras (Carballiño), que rematou Pedro Gutiérrez debido á morte de Angés.