animal
(< lat animāle)
-
[BIOL]
-
s
m
Ser vivo eucariótico, pluricelular e heterótrofo por inxestión. Adoitan ter un aparato locomotor e un plexo ou sistema nervioso intimamente relacionado coa capacidade de movemento e cos órganos dos sentidos ou relación. Este sistema integra os estímulos procedentes do exterior e o control que el mesmo exerce sobre o resto do organismo, co que quedan establecidas relacións de causa-efecto, posibilitadas respostas reflexas e retidas experiencias vividas ( etoloxía, psicoloxía). Os animais presentan unha gran complexidade de tecidos, órganos, aparatos e sistemas e as súas células son moi diferentes en cada caso. Neles é bastante corrente a reprodución sexual. Tamén denominados metazoos, presentan un grao de organización máis complexa fronte aos protozoos (coñecidos tradicionalmente como “animais unicelulares”). Poden ser diploblásticos ou triploblásticos segundo se constitúan a partir de dúas follas embrionarias ou tres. Os primeiros (poríferos, cnidarios, ctenóforos) presentan un sistema nervioso moi primitivo. Os animais triploblásticos, segundo como se organice o seu mesodermo, poden ser acelomados ou celomados. Os celomados distínguense en protóstomos ou deuteróstomos, segundo como evolucione o blastoporo da gástrula. Os deuteróstomos epineuros presentan centros nerviosos localizados en posición dorsal respecto do tubo dixestivo e un eixo esquelético dorsal, o notocordio. Todos pertencen ao grupo dos cordados: urocordados, cefalocordados e vertebrados. Dentro dos vertebrados distínguense agnatos, peixes, anfibios, réptiles, mamíferos e aves. O home como mamífero, pertence ao grupo dos primates.
-
reino animal
Un dos dous reinos, xunto co vexetal, nos que se clasificou os seres vivos dende Aristóteles ata o s XIX. Esta división foi substituída na actualidade por unha clasificación en cinco reinos distintos (animal, planta, protista, moneras e fungos). Os protozoos, aínda que pertencen ao reino protista, estúdianse tradicionalmente pola zooloxía ao compartiren características comúns cos animais.
-
s
m
-
s
m
En oposición a home, calquera dos outros animais.
Ex: Na selva amazónica viven moitos animais salvaxes.
-
adx
Relativo ou pertencente aos animais, procedente dos animais.
Ex: A graxa animal é unha substancia prexudicial para a saúde. O seu instinto animal levouno a defender os seus lobetos.
-
adx e s
Que se comporta de maneira groseira, ruda, intratable ou que actúa con pouco raciocinio.
Ex: Se trata así á xente é que está feito un animal.
-
adx e s
Que se comporta de maneira agresiva facendo un uso irracional da súa forza.
-
[FILOS]
-
animal irracional
Denominación empregada para referirnos a calquera animal non humano. Foi Aristóteles, no s IV a C, quen nas súas obras biolóxicas (Das partes dos animais, Da xeración dos animais, Sobre a alma, etc) estableceu por primeira vez unha división das especies baseaba nas capacidades psíquicas dos animais, reservándose para o Home a posesión da alma e, polo tanto, a súa superioridade na “Scala Naturae”. Esta primeira división entre animal racional e animal irracional, que se estableceu baixo presupostos extracientíficos, influíu no Dereito e noutros eidos filosóficos (Ética e Moral) e científicos (Etoloxía e Psicoloxía). O animal ten, xuridicamente, a consideración de cousa e nalgúns aspectos é obxecto de regulación específica. Na actualidade, unha corrente filosófica rexeita esta consideración xurídica e esixe o recoñecemento dos dereitos dos animais; quizais a campaña mundial máis coñecida que están a realizar é o Proxecto Gran Simio, na procura do recoñecemento dunha comunidade de iguais co resto dos Homínidos e, polo tanto, da condición de suxeitos de dereito. Así mesmo, esa inicial división entre racional (posuidor de alma) e irracional determinou que durante moitos anos non se realizasen estudios orientados a coñecer a psicoloxía dos animais; sen embargo, esta tendencia está a modificarse tanto no eido dos primates (Sabater Pi, Godall, etc) como dos demais animais. Por consecuencia destas novas investigacións, as teorías sobre a ética e a moral están a ser revisadas co obxectivo declarado de situar o Home na súa nova praza no universo. Por último, o animal foi símbolo e inspiración da mitoloxía e da relixión. A preocupación por reproducir as figuras de certos animais maniféstase na pintura e na escultura que se vai atopando do Paleolítico. A arte de Exipto, de Asiria e de Creta mostraba temas animalistas en toda a súa realidade e o seu dinamismo. Na arte románica, o tema animalista deriva a formas fantásticas, de forte contido simbolista. No Gótico esta arte encarrílase novamente ao Naturalismo. No Renacemento e en estilos posteriores, o tema animalista foi interpretado por artistas que en poucas ocasións o cultivaron como tema exclusivo (F. Snyders, A. Bayre, M. Hernández, R. Arenys e outros).
-
animal racional
Denominación aristotélica que se vén empregando para referirse á especie humana, en contraposición a animal irracional.
-
animal irracional
-
animal de compañía
Animal doméstico que coa súa presencia acompaña a unha persoa.
-
animal de pelo
Mamífero, especialmente o doméstico (coello, cabra, cabalo e outros), en contraposición a animal de pluma, e ou de pel valiosa, como o visón.
-
animal de pé longo
Artiodáctilo, especialmente o doméstico (boi, ovella, cabra, etc), en contraposición a animal de pé redondo.
-
animal de pé redondo
Perisodáctilo, especialmente o doméstico (cabalo e mula), en contraposición a animal de pé longo.
-
animal de pluma
Ave, especialmente a ave grande e comestible (galiña, pato, pavo, por exemplo), en contraposición a animal de pelo.
-
animal de sangue frío
[ZOOL]
poiquilotermo.
-
animal de sangue quente
[ZOOL]
homotermo.