Annus horribilis
Espectáculo teatral producido e realizado en 1994 pola compañía Chévere a partir dun libreto de Pepe Sendón e con música de Fran Pérez. Inicialmente foi interpretado por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Fran Pérez, Pepe Sendón, Manuel Cortés, Carlos Santiago e Xron, con acompañamento musical ao piano de Suso Alonso. Recollendo técnicas de interpretación en directo que fixeron populares, entre outros, Les Luthiers ou Golden Apple Quartet, os integrantes de Chévere -coa súa indubidable enerxía creativa- conseguiron converter a historia da iniciación sentimental de Lucas Tamara, príncipe herdeiro do Reino de Galicia, nun divertido, entretido e irreverente espectáculo musical que camiña entremedias da comedia e a opereta. En Galicia acadou un notable éxito de público e crítica e en 1996 recibiu o Premio da Crítica de Barcelona ao mellor espectáculo musical da temporada.