1 ano

1 ano

(< lat annu)

    1. s m [CRON/METROL]

      Intervalo de tempo comprendido entre dúas pasadas consecutivas do Sol polo mesmo punto da eclíptica, segundo a hipótese aparente ( xeocentrismo), que corresponde, segundo a hipótese real, á duración dunha revolución da Terra arredor do Sol.

    2. ano anomalístico

      Intervalo de tempo que transcorre entre dúas pasadas consecutivas do Sol polo perixeo, segundo a hipótese aparente. Equivale a 365,2596 días civís.

    3. ano astronómico

      Calquera dos intervalos cos que se mide a órbita de traslación da Terra (ano anomalístico, ano sideral, ano trópico) por oposición a ano civil.

    4. ano luz

      Unidade usada en astronomía que equivale á lonxitude que percorre a luz nun ano. O seu valor é de 9,46 x 10 15 m equivalente a 63.240 unidades astronómicas ou ben a 0,306 parsecs. A pesar do uso estendido do termo ano luz, é máis exacta a utilización do termo unidades astronómicas (u a) ou parsecs.

    5. ano natural

      O ano solar, en relación coa sucesión das estacións e por oposición a ano civil.

    6. ano planetario

      Empregado impropiamente por revolución sideral ou período sideral.

    7. ano sideral

      Intervalo de tempo no que o Sol percorre os 360° da eclíptica ou ben o intervalo de tempo comprendido entre dúas pasadas consecutivas do Sol polo círculo horario dunha mesma estrela. A súa duración é de 365,256 días.

    8. ano trópico/solar

      Intervalo de tempo comprendido entre dúas pasadas do Sol polo primeiro punto de Aries. Durante este intervalo de tempo o Sol percorre 360° da eclíptica, menos o desprazamento en sentido retrógrado por un observador no hemisferio norte, do primeiro punto de Aries, coñecido por precesión dos equinocios, cun valor que, aínda que non é constante por mor da mutación, é duns 50” ao ano. Se se conta o ano trópico en días verdadeiros, atopamos que ten un día menos que se se conta en días siderais, polo feito de que, ao variar a ascensión recta do Sol 24 h nun ano e percorrer a eclíptica nun sentido directo, durante este intervalo, o Sol pasa polo meridiano do lugar unha vez menos que por Aries.

  1. [CRON]
    1. s m

      Unidade de medida do tempo, que corresponde aproximadamente ao ano solar ou trópico.

    2. ano bisesto

      Ano civil que consta de 366 días civís. Despois da reforma gregoriana, son anos bisestos todos os anos civís múltiplos de catro que non rematen en dous ceros e tamén todos aqueles que, acabados en dous ceros, teñan o número que queda ao quitar os dous ceros finais, divisible por catro.

    3. ano chinés

      Ano civil do calendario chinés.

    4. ano civil

      O formado por un número enteiro de días civís: 365 se é común ou 366 se é bisesto, e que, regulado co ano trópico é de uso social xeral. O ano civil divídese en 12 meses e, legalmente, comeza o 1 do mes de xaneiro e remata o 31 de decembro. A existencia do ano civil como período diferente do ano astronómico obedece ao feito de que este non pode ser tomado como unidade de tempo da vida civil, xa que non contén un número enteiro de días. Se todos os anos civís fosen de 365 días civís, o seu comezo iríase anticipando sempre ao do ano trópico, que ten 365,2422 días civís, e consecuentemente, ao percorrer as diferentes estacións retrasaríanse; inconveniente que lle faría perder ao calendario a súa propiedade fundamental de fixar meses e festas nas mesmas estacións. Este problema evitouse de diferentes xeitos, se ben o primeiro, que serviu ao home para medir o tempo, foi a rotación da Terra sobre si mesma (o que fixo nacer o concepto de día), posteriormente foi observado o fenómeno das lunacións, o que dá lugar aos meses e aos calendarios lunares. Máis tarde, obsérvase que certos fenómenos se repiten periodicamente (a caída da folla, a floración, etc). Este feito dá lugar á aparición do concepto de ano e, primeiramente, asociouse co fenómeno das lunacións. Apareceron, deste xeito, os calendarios lunares; máis tarde, ao intentar conxugar o movemento aparente do Sol coas lunacións, apareceron os calendarios luni-solares, nos que o mes se rexía pola Lúa e o ano, polo Sol. As distintas solucións aplicadas polas diversas culturas e calendarios xamais solucionaron de todo o problema. En Roma, o primeiro calendario utilizado foi lunar (10 meses e 304 días), que axiña se transforma nun ano de 355 días e 12 meses (un día máis ca o ano lunar). A reforma máis importante foi, sen embargo, a de Xulio César, seguindo todas as indicacións de Sosíxenes, que decretou no 45 a C que os anos habían de ter unha duración de 365 días e 1/4 de día, de acordo co seguinte sistema: cada catro anos, habería un que tería un día máis (ano de traspaso, bisesto), é dicir, de 366 días civís. O ano xuliano mantivo, sen embargo, as diferencias entre o ano civil e o trópico: un día civil por cada 128 anos. Esta diferenza motivou novamente un avance do paso das estacións sobre o paso do ano. Para solucionar o problema, o Papa Gregorio XIII reuniu unha comisión (1582) de sabios, na que destacaba Ghiraldi. Para evitar o erro do ano xuliano, modificouse o concepto de ano bisesto: serán anos bisestos todos os anos civís múltiplos de 4 que non rematen en dous ceros e os que, acabados en dous ceros, teñan os primeiros números divisibles por catro (1.700 non o sería). Con esta modificación, resultaba un ano gregoriano medio de 365,2425 días civís que excede ao trópico en 0’0003 días civís ao ano ou 1 día cada 33 séculos.

    5. ano común

      Ano civil que consta de 365 días.

    6. ano gregoriano

      Ano civil do calendario gregoriano.

    7. ano hebreo

      Ano civil do calendario hebreo.

    8. ano lunar

      Ano civil baseado no mes sinódico ou lunación e que ten unha duración de 354,36 días civís.

    9. ano luni-solar

      Ano civil baseado ao mesmo tempo no mes sinódico e no ano trópico.

    10. ano maia

      Ano civil do calendario maia.

    11. ano musulmán

      Ano civil do calendario musulmán.

    12. ano republicano

      Ano civil do calendario republicano.

    13. ano sotíaco

      O ano do calendario exipcio no que acaba o período sotíaco e, polo tanto, coinciden aproximadamente o ano civil e o ano trópico.

    14. ano xuliano

      Ano civil decretado na reforma de Xulio César no ano 45 a C ( calendario xuliano).

  2. [CRON/HIST]
    1. s m

      Período de tempo que abrangue desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro, e este período considerado, non dunha maneira absoluta, senón con relación aos feitos que se desenvolven e con relación aos anos precedentes e sucesivos. A fixación do ano dos sucesos, e tamén a datación dos documentos, variou segundo os tempos e os lugares. En Roma os actos públicos foron datados sucesivamente polo ano dos cónsules, os anos do posconsulado e o ano do imperio. O Papa Adriano I (s VIII) introduciu a fórmula do ano do pontificado.

    2. ano da confusión

      O ano 45 a C en que ten lugar a reforma xuliana.

    3. ano da fame

      Alude a 1941, ano de fames na posguerra española, e por extensión, a diferentes períodos de fame que se rexistraron sobre todo nos séculos XIX e XX.

    4. ano da Encarnación

      Ano da era cristiá, que comezaba o día 25 de marzo. Neste sistema de cómputo cómpre distinguir dous estilos: o chamado florentino (usado na coroa catalano-aragonesa do s XII ao XIV) que consistía en contar os anos a partir do 25 de marzo posterior a nadal, é dicir, 2 meses e 24 días máis tarde do comezo de ano; e o estilo pisano, que facía retroceder o comezo do ano ao 25 de marzo anterior a Nadal, ou sexa 9 meses e 7 días antes do noso.

    5. ano da fundación de Roma

      Ano contado a partir da data suposta da fundación de Roma ( ab urbe condita).

    6. ano da Natividade

      Ano da era cristiá, que comezaba o día 25 de decembro. Esta indicación cronolóxica é coñecida nos documentos medievais coa fórmula anno a Nativitate Domini.

    7. ano de Diocleciano

      Inicio da coñecida Era dos Mártires, ou sexa, que o ano comezaba o día 29 de agosto do 284, en lembranza das grandes persecucións ordenadas por este Emperador contra os cristiáns.

    8. ano do consulado

      Ano contado a partir do nomeamento dos cónsules; comezaba o 1 de xaneiro de cada ano. A orixe deste cómputo remóntase ao inicio da república (509 a C) e dura ata o 541. Posteriormente foi adoptada a fórmula PC (post consulatum).

    9. ano do Imperio

      Ano contado a partir da proclamación do Emperador. Esta fórmula foi axuntada á do ano do consulado, no Baixo Imperio Romano, e finalmente substituída.

    10. ano do pontificado

      Ano contado a partir da elección do Papa. Fórmula de datación introducida no s VIII polo Papa Adriano I e utilizada na chancelería pontificia.

    11. ano do reino

      Ano contado a partir da elevación do rei ao trono. Este sistema de datación foi empregado polos reinos cristiáns da Alta Idade Media, por analoxía co ano do imperio ou do pontificado, ata que, gradualmente, foi substituído polo da era cristiá.

    12. ano do Señor/de gracia [annus Domini ou annus Gratiae]

      Ano da era cristiá, ou sexa, ano contado a partir do nacemento de Xesucristo, tanto se se adopta o estilo da Encarnación, da Natividade ou outros da era cristiá.

    13. ano grande

      Na terminoloxía dos estoicos e tamén na de Platón, cada un dos ciclos que seguía o Universo, ao seu remate produciríase un cataclismo que destruiría o mundo e daría lugar ao comezo dun novo ciclo.

    14. ano mil

      Data (1000 d C) á que se lle atribuíu erroneamente unha crise xeral de terror pola suposta crenza na proximidade da fin do mundo, tradición que non parece anterior ao s XV e que deu moitos temas literarios e pseudohistóricos no s XIX ( milenarismo).

    15. ano novo

      aninovo.

    16. ano olímpico

      Ano contado a partir da olimpiada. Este cómputo por cuatrienios foi introducido en Grecia polo siciliano Timeo (352-256 a C), quen calculou os anos, a partir do 776, segundo a lista dos vencedores dos xogos olímpicos.

    1. s m

      Período de doce meses durante o que se desenvolve unha determinada actividade.

      Ex: Apunteime este ano completo a clases de aeróbic. 

    2. ano académico [PEDAG]

      O comprendido entre o comezo de dous cursos escolares consecutivos, comprende o curso escolar, as vacacións e as festas.

    3. ano de pranto [DER]

      Primeiro ano de viuvez durante o cal o cónxuxe supervivente ten o dereito a ser alimentado a cargo do patrimonio do finado en consonancia coa súa posición e coa contía de dito patrimonio.

    4. ano eclesiástico/ano litúrxico [RELIX]

      Ano ordenado de xeito que se celebran sucesivamente os principais acontecementos da vida de Cristo e os misterios máis importantes do Cristianismo. Hai dúas partes: a do temporal, ou ciclo das festas móbiles, centrada na celebración de Pascua, e a do santoral ou calendario de festas fixas. O ano litúrxico, nas igrexas latinas, comeza co advento, nas igrexas orientais hai algúns domingos previos ao Nadal, sen embargo, sen un ciclo definido como o Advento. As igrexas de tradición siria fan preceder aínda estes domingos doutros, chamados da Dedicación. A Pascua, coa Semana Santa, centro do ano litúrxico, é precedida pola Coresma e seguida polo tempo pascual, que se pecha coa celebración de Pentecostés. As igrexas orientais teñen aínda unha especie de ciclo arredor da festa da Cruz, o 14 de setembro. O ciclo de festas fixas comeza o 1 de xaneiro nas igrexas latinas e o 1 de outubro nas sirias.

    5. ano económico

      Período de vixencia do orzamento do estado.

    6. ano fiscal / [DER/ECON]

      Período durante o cal poden ser legalmente executadas as obrigacións tributarias.

    7. ano sabático xudeo [RELIX]

      Segundo a lei xudía, o último de cada sete anos durante o cal a terra non podía ser labrada e cada amo tiña que liberar un escravo hebreo, se este o quería.

    8. ano sabático p ext [PEDAG]

      Nos países de tradición cultural anglosaxona, curso ou semestre que se concedía cada seis ou sete anos a un profesor para dedicalo aos seus estudios ou á investigación, eximíndoo do ensino.

    9. ano santo/xubilar [RELIX]

      Ano durante o que todos os católicos poden gañar o xubileu ou indulxencia plenaria, quere dicir, o perdón pleno de todos os seus pecados, logo de ter cumprido uns mínimos requisitos: peregrinación, confesión e comuñón. Existen dous tipos de ano santo, os ordinarios e os extraordinarios. Os anos santos ordinarios -romano e compostelán- son aqueles que seguen unha periodización establecida ao longo da historia; os primeiros están promulgados polo Papa e os segundos polo arcebispo de Santiago de Compostela, feito que marca unha certa diferenza no seu carácter universal. Así mesmo, o Papa tamén pode promulgar os anos santos extraordinarios, cando concorre algún motivo especial ou se quere celebrar un acontecemento especial para a Igrexa: Ano Santo da Redención (1983), Ano Santo Mariano (1987-1988) ou Ano Santo da Encarnación (2000), que conmemora o nacemento de Xesús, todos eles promulgados polo Papa Xoán Paulo II; sen embargo, houbo outros ao longo do século: Ano Santo da Redención (1933) e Ano Santo Mariano (1954). O Ano Santo Romano celébrase cada 25 anos, aínda que esta periodicidade variou ao longo do tempo. O primeiro do que se ten coñecemento foi promulgado polo Papa Bonifacio VIII en 1300. Ademais da confesión e a comuñón, son requisitos para gañar o xubileu romano a peregrinación a Roma e a visita á igrexa de San Pedro e San Paulo. O Ano Santo Compostelán ten a seguinte periodicidade: 6, 5, 6 e 11 anos (cando a festa de Santiago Apóstolo cadra en domingo). Calisto II promulgou a primeira bula papal na que concedía o privilexio da indulxencia plenaria a todos aqueles que visitasen a tumba de Santiago o Maior, que foi confirmada por Uxío III, Anastasio IV e Alexandre III. Igual que no romano, para gañar a indulxencia plenaria o requisito principal é a peregrinación a Santiago de Compostela e a visita á tumba do Apóstolo. O Ano Santo iníciase o 31 de decembro coa solemne apertura da Porta Santa, tamén chamada dos Perdóns, seguindo un rito que comeza cando o arcebispo dá tres golpes cun martelo dourado contra as pedras que pechan a porta; logo do terceiro golpe pronuncia as palabras “abride as portas, que o Señor está connosco”, daquela derrúbase o muro. O arcebispo é o primeiro en atravesar a Porta Santa despois de cantar Te Deum laudamus. Detrás del entra a procesión da Adoración Nocturna e o público en xeral. O ritual complétase coa ofrenda ao Santo Apóstolo, a misa, a comuñón e o abrazo á imaxe de Santiago. A última peregrinación entra na catedral no seguinte 31 de decembro e, a continuación, péchase a Porta Santa cun cerimonial semellante ao da apertura.

    10. ano útil [DER]

      Días útiles ou laborables do ano.

    11. ano xubilar [RELIX]

      Para os xudeus, o ano que viña despois de sete veces sete anos, é dicir, o ano cincuenta. Tiña que ser un ano de descanso para a terra e de liberdade para os homes.

    12. ano xudicial [DER]

      Período, xeralmente do 1 de setembro dun ano ao 31 de xullo do ano seguinte, durante o que son desenvoltos os traballos normais dos tribunais e órganos da administración de xustiza.

  3. [AGR]
    1. s m

      Ciclo do traballo agrícola con relación aos factores meteorolóxicos ou á colleita producida.

    2. s m

      Cada un dos círculos que aparecen no toro dunha árbore correspondentes ao crecemento anual, especialmente os círculos da cortiza de sobreira.

    3. ano e vez

      Método de cultivo das chairas e vales interiores.

  4. [CRON/ADM]
    1. s m

      Período de doce meses contado a partir dunha data determinada, independente de se esta data coincide ou non co inicio do ano civil; denominación empregada especialmente nos documentos públicos.

    2. ano emerxente

      En relación co ano civil, o contado desde un día calquera ata o día de igual data do ano seguinte.

    1. s m

      Idade.

      Ex: Cumpriu anos o pasado catro de febreiro. 

    2. facer anos

      Chegar alguén á data en que se celebra o seu nacemento.

      Ex: Cando fas os anos? O 25 de febreiro. 

  5. [ESOT]
    1. s m

      Espacio de doce meses de idade dunha persoa contado desde o día e o mes de nacemento; refírese tamén á vida dos animais e á existencia ou á duración das cousas.

    2. ano climatérico

      Ano de idade dunha persoa en que, segundo a astroloxía, estaba sometida a grandes perigos. Son, segundo algúns, os múltiplos de 7, segundo outros, os múltiplos de 9. Os principais son os que resultan do produto de 7x7=49, 9x9=81 e 7x9=63, chamado grande ano climatérico.

    1. s m

      Tempo.

      Ex: Hai moitos anos que vivo aquí. Anos hai que o vin. 

    2. ano vello/fin de ano

      O último día do ano. Na tradición oral recóllense refráns como: “Ano novo, vida nova”.

Frases feitas

  • Ano de Marí(a) Castaña. Hai moito tempo, moi antigo. Ex: O que ti contas sucedeu no ano de María Castaña.

  • Sacarse anos. Declarar ter menos anos de idade ca os reais.

  • Home de anos. Persoa que xa chegou á vellez.

  • Por moitos anos. Expresión de felicitación que expresa o desexo dunha longa vida chea de felicidade.