anodización

anodización
s f [FÍS/QUÍM]

Procedemento de protección dos metais lixeiros e ultralixeiros -principalmente o aluminio e as súas aliaxes-, que consiste en recubrilos dunha película de óxido, adherente e continua, que se obtén ao facer actuar o metal coma un ánodo na electrólise dunha solución ácida. Os detalles da operación (tensión aplicada, tipos e densidade da corrente, temperatura e natureza do baño) varían segundo os procedementos e a composición do metal a protexer. A capa de óxido obtida é moi absorbente e a afinidade do aluminio polos colorantes permite tinguila das máis variadas cores. Para un correcto acabado, é necesario sempre obturarlle os poros mediante vernices, óleos ou ceras, ou por inmersión en baños adecuados. A anodización evita a corrosión, aumenta a dureza (a alumina é moito máis dura ca o metal) e, en consecuencia, a resistencia á abrasión, e forma unha capa que retén ben os lubrificantes e serve de base para unha boa adhesión de pinturas e vernices. Tamén pode proporcionar o illamento eléctrico do metal, o aumento do poder de emisión para as radiacións térmicas, a conservación dun bo poder reflector malia a acción dos axentes atmosféricos e, moi a miúdo, a obtención de efectos decorativos mediante a tintura.

Palabras veciñas

anódico -ca | anodinia | anódino -na | anodización | anodizar | ánodo | Anodonta