Antigo Réxime
Denominación que recibe a estrutura política e social que se xeneraliza en Europa dende o s XVI ata a era das revolucións burguesas, polo tanto, é o sistema anterior á implantación dos rexímenes liberais. As súas características, comúns a todos os países europeos, son a monarquía autoritaria e a sociedade estamental. A monarquía autoritaria, reforzada aínda máis polo absolutismo, que outorga o poder aos monarcas baseándose no dereito divino, perfeccionou os instrumentos do seu poder multiplicando a burocracia civil, creando exércitos permanentes, dando unha importancia crecente aos impostos reais regulares e primando o papel do Consello do Rei, quen quedou fóra de toda limitación imposta pola lei ou pola tradición. A sociedade, fundamentalmente agraria, é estamental: a nobreza e o clero son os estamentos privilexiados; o resto do pobo, no que loitan por abrirse paso os protagonistas das novas actividades mercantís (a burguesía), constituía o estamento non privilexiado. Durante a Idade Moderna mantense o sistema do Antigo Réxime; sen embargo, as novas actividades económicas, as correntes de oposición filosóficas e as loitas de relixión foron derrubando os alicerces deste sistema ata que remataron con el. O congreso de Viena (1815) foi un intento de restauración do Antigo Réxime logo da súa crise, pero non conseguiu frear as correntes liberais. A historiografía galega emprega esta denominación para se referir ao período que comeza co reinado dos Reis Católicos, artífices da reunificación da Península baixo unha monarquía unitaria e centralizadora. Con esta función instalouse en Galicia unha nova institución: a Audiencia (1480), que atendía a todos os aspectos legais, xudiciais e executivos do país e estaba presidida por un gobernador e un capitán xeneral. O poder ‘virreinal’ da Audiencia modificouse coa chegada dos Borbóns a España, que crearon as intendencias para contrarrestar o poder da Audiencia no militar e no fiscal. O cargo de intendente de Galicia apareceu en 1711 e logo o de correxidor, con sedes na Coruña, Betanzos, Viveiro, Baiona e Ourense. En moitos casos estes cargos superiores estaban ocupados por xentes foráneas. Así mesmo, Galicia achegou á política exterior de Castela homes (levas forzosas), diñeiro (impostos), madeira para barcos e especialistas (‘matriculados do mar’). Socialmente, entre a alta nobreza e o estado común configúrase a fidalguía (os ‘medianeiros’), unha clase emerxente entre o estado común e os privilexiados que acapararon foros e predominaron nos cargos militares e eclesiásticos. A Igrexa galega é tamén característica do Antigo Réxime, aliada ao poder dos monarcas, adalide da Contrarreforma e pechada a toda influencia exterior, para o que creou a Inquisición, instaurada en Santiago de Compostela en 1574. A aparición no s XIX de novas institucións políticas (Xuntas) e a chegada da burguesía comercial e industrial insertaron a Galicia no proceso liberal contemporáneo.