Antigo Testamento
Antigo Testamento
Denominación cristiá do conxunto dos libros da Biblia escritos antes do nacemento de Cristo. Baixo esta denominación, os cristiáns católicos e ortodoxos agrupan 46 libros nos que fan constar os 7 que foron excluídos do canon hebreo, establecido ao remate do s I d C; mentres que os fieis da Igrexa Reformada (protestantes) agrupan 39, seguindo a distribución xudía. Os xudeus distribúen estes 39 libros, os únicos da súa Biblia en tres grupos: a Lei (Toráh), Profetas (Nebiim) e Escritos (Ketubim). Católicos e ortodoxos clasifican os 46 libros do seu Antigo Testamento en catro grupos, segundo os xéneros literarios empregados neles: Pentateuco, Históricos, Sapienciais e Proféticos.