antisemitismo

antisemitismo

(

s m [HIST]

Animadversión aos xudeus como grupo étnico. A historia do antisemitismo é complexa e está chea de paradoxos. As primeiras manifestacións antisemitas partían do principio relixioso do antixudaísmo, que atribuía aos xudeus a culpabilidade criminal da morte de Cristo; esta actitude correspondíase cun momento do discurso racista en que o xudeu era considerado como deicida e infiel. A segunda manifestación antisemita resulta de engadir consideracións económicas ao antisemitismo relixioso, momento no que xurdiu a imaxe do xudeu usureiro e rico, do capital negro internacional xudeu, etc, que alimentou o antisemitismo moderno. O termo apareceu por primeira vez en 1880 en publicacións alemanas para designar un movemento diferente de anteriores persecucións contra os xudeus e tiña como base o factor racial e non o relixioso. A finais do s XVIII, A. von Schlözer e J. G. Eichhorn foron os primeiros en falar de nacións semíticas. Fronte a estas, F. Bopp falou a principios do s XIX de linguas indoxermánicas, chamadas arias por F. M. Müller. Facíase unha identificación entre lingua e raza, malia a inexistencia dunha base científica para iso. Christian Larsen foi o primeiro en describir supostas diferencias temperamentais entre semitas e arios. Arredor do 1880 xurdiu en Alemaña unha forte corrente intelectual que considera a influencia xudía como desintegradora (Heinrich von Treischke, R. Wagner e H. S. Chamberlain). Adolf Stoeker, fundador do Partido Socialcristián dos Traballadores (1874), converteu o antisemitismo nun programa político. En 1882 organizouse en Dresden o Primeiro Congreso Internacional Antisemita e ao ano seguinte foi creada a Alianza Antixudía Universal. En 1905 publicáronse en Alemaña os apócrifos Protocolos dos sabios de Sión, que falan dunha suposta confabulación xudía para dominar o mundo. Pero, máis ca un movemento internacionalista, o antisemitismo foi froito do nacionalismo exarcebado e reuniu características peculiares en cada país. En Francia constituíuse a finais do s XIX a Liga Antisemista. O asunto Dreyfus (1894) e a posterior rehabilitación deste militar polo Tribunal Supremo (1906) polarizaron as forzas pro e antisemitas na Francia de finais do XIX. Os xudeus foron acusados de excesos do capitalismo e de difundir ideas liberais e socialistas. En Polonia establecérase unha importante minoría xudía (uns 5 millóns, case a metade da poboación xudía da época) trala incorporación dunha parte do país ao imperio ruso, a finais do s XVIII. Durante o reinado do Tsar Nicolao I (1825-55) recibiron un trato brutal, pero posteriormente seguiu un período de tolerancia. Tralo asasinato do Tsar Alexandre II (1881) aumentaron as persecucións contra os xudeus e sucedéronse as matanzas en masa ( pogrom). En 1882 foron expulsados das cidades mediante as Leis de Maio. A Revolución Rusa do 1917 comportou a emancipación dos xudeus, que conseguiron o status de cidadáns, aínda que o novo estado combateu o xudaísmo igual ca as outras relixións, e promulgou unha intensa política de asimilación. A metade da poboación xudía do imperio tsarista -uns 3 millóns- permaneceu incorporada a Polonia, que recobrou a independencia ao finalizar a Primeira Guerra Mundial e foi obxecto dun trato moi duro ata a Segunda Guerra Mundial. Nesta os xudeus polacos foron aniquilados en campos de concentración alemáns. Ningún estado igualou a Alemaña nazi no rigor da persecución contra os xudeus. Malia ser unha minoría relativamente pequena (preto do medio millón), Hitler fixo do seu exterminio unha peza central da súa política dende o seu acceso ao poder (1933). As Leis de Nüremberg forzaron a emigración en masa dos xudeus residentes en Alemaña. Entre 1938 e 1939 a persecución estendeuse a Austria e a Checoslovaquia, e durante a Segunda Guerra Mundial a todos os países ocupados pola Alemaña nazi e, en menor medida, aos seus aliados. A partir de xaneiro de 1942 comezou o exterminio sistemático: foi aniquilada case a totalidade dos xudeus de Polonia, Checoslovaquia e Grecia; catro quintas partes dos de Holanda; a metade dos de Hungría e unha terceira parte dos de Francia; en total, uns 5 ou 6 millóns sobre un total aproximado de 9 millóns de xudeus europeos. O antisionismo, que consiste na oposición ao dereito á existencia do Estado de Israel, configúrase como a máis moderna manifestación do antisemitismo. Malia que foi dende a fundación do Estado de Israel (1948) cando adquiriu maior consistencia, xurdiu como reacción ás teses de Herzl e do Primeiro Congreso Mundial Xudeu (1897) que propuxeron a creación dun estado xudeu en Palestina.