antiseñorialismo
(
Movemento social contrario aos privilexios e abusos dos señores. O réxime señorial, instalado en Europa a partir do Baixo Imperio Romano e especialmente durante a Idade Media, é un dos eixes fundamentais dos conflitos sociais que sacudiron o período baixomedieval. Varios factores combináronse para provocar a crise dos señoríos feudais: o fortalecemento das monarquías centralizadoras, co conseguinte debilitamento das responsabilidades políticas dos señores, o auxe das cidades, as novas actividades mercantís, unido todo iso a un momento de crise xeneralizada a nivel político (Guerra dos Cen Anos), espiritual (Cisma de Occidente) e socioeconómica (peste, fames, desequilibrio entre poboación e recursos). Isto trouxo como consecuencia un aumento da presión señorial que provocou a resposta xeneralizada dos sectores máis oprimidos da poboación, tanto rurais como urbanos. As revoltas antiseñoriais sucedéronse por toda Europa. En Flandres, as revoltas provocaron, entre 1301 e 1302, un sanguento motín -os “maitíns de Bruxas”- contra o patriciado e as forzas de ocupación francesas, dirixido por Peter van Conyc; unha nova revolta, dirixida polo burgués Nicolas Zannequin, acabou en derrota a mans dos franceses (Batalla de Casel, 1328). En Francia, estalou en 1358 a “Jacquerie”, rebelión dos campesiños do Beauvaisis descontentos co comportamento dos señores e a miseria ocasionada pola guerra. Este movemento estendeuse a continuación polo leste e sur de París, a Normandía e a Champaña (zona cerealista). A medida que o movemento avanzaba foi adquirindo certa organización baixo o líder Guillaume Carle. Numerosas mansións señoriais foron saqueadas e moitos nobres asasinados, ata que Carlos de Navarra derrotou a columna principal dos jacques en Clermont. No caso de Inglaterra, a rebelión dos campesiños sacudiu o leste do país en 1381. O detonante foi a imposición dunha nova carga fiscal, a Poll Tax, que implicaba un imposto per cápita. Entre as esixencias dos rebeldes, as máis importantes eran: a abolición da servidume, rendas baixas e salarios máis altos e o rexeitamento da xerarquía eclesiástica. As bandas armadas saquearon os dominios do duque de Lancaster e chegaron a penetrar en Londres, dirixidos por caudillos populares como Thomas Baker, John Wraw, Wat Tyler ou o predicador Jhon Ball. A rebelión foi liquidada por un exército de cabaleiros e os caudillos campesiños executados. Nas cidades italianas os conflitos foron constantes ao longo de todo o século. En Roma as revoltas foron encabezadas a mediados do s XIV por Cola di Rienzo, que invitaba os pobres a compartir os bens dos ricos. En Siena, o pobo accedeu temporalmente ao poder en 1368, mentres en Xénova as forzas populares elevaron ao poder a Simón Bocanegra en 1399. Outros conflitos xurdiron en Pavía, Milán, Bolonia, e, sobre todo, Florencia, onde os ciompi, traballadores asalariados da arte da la, se rebelaron contra os grandes industriais (1378); entre os seus dirixentes figuraba un cardador, Micele di Lando, pero tamén un membro dunha das familias máis poderosas da cidade, Salvestro de Médicis. As disensións entre os revolucionarios non tardaron en aparecer e isto permitiu restablecer a orde anterior en pouco tempo. Ao longo do s XV, a inquietude estendeuse a outras zonas. Así en Bohemia o conflito antiseñorial sumouse á revolta nacional husita. En Alemaña o movemento foi dirixido en 1476 por Hänselin de Helmstatt, mestura de predicador e axitador de masas, que incitaba os campesiños a rexeitar calquera tipo de xerarquía. Prendido e executado como herexe, converteuse en precursor das graves conmocións que axitaron a Alemaña da Reforma Luterana. Nos reinos hispánicos son salientables tres grandes movementos: o remensa catalán, o forana de Mallorca e o dos irmandiños en Galicia. En Catalunya o pagès (campesiño) estaba suxeito a dous importantes gravames, a adscrición á terra e os malos usos. Para abandonar a terra debía pagar a remensa, cantidade que desde 1281 era fixada libremente polo señor. A primeira explosión tivo lugar en 1450; a segunda, e máis importante, en 1484, baixo a dirección de Pere Joan Sala. A revolta rematou coa Sentencia Arbitral de Guadalupe (1486) ditada polo Rei Fernando o Católico, que suprimía os malos usos e arbitraba un sistema para que os campesiños puidesen liberarse da relación. A rebelión forana de Mallorca partiu de Inca, dirixida por Simón Tort, e chegou a sitiar Palma en 1450. O intento de unir os labregos cos desherdados da cidade non funcionou e a revolta foi sufocada nos anos seguintes. No caso de Galicia, a Revolta Irmandiña foi froito de factores diversos; por un lado, a profunda señorialización que padecía o medio agrario; por outro, a situación de anarquía xeneralizada da Coroa de Castela. Do lado da irmandade situáronse tanto os campesiños como algúns sectores artesanais das cidades, que deron algúns dirixentes de extracción popular. A Primeira Guerra Irmandiña, en 1431, estendeuse por Pontedeume, Ferrol e Vilalba, liderada por Roi Xordo. Logo de fracasar no intento de asaltar a torre de Santiago, foron derrotados polas tropas dos Andrade, do arcebispo e mais do correxedor do Rei en Galicia. A Segunda Guerra Irmandiña, en 1466, espallouse por toda Galicia coa consigna de derrubar todas as fortalezas e con obxectivos tales como a supresión dos abusos dos cabaleiros, a defensa dos privilexios urbanos, a revisión dos tributos ou a devolución das terras monásticas usurpadas. A superioridade militar dos señores e as fisuras entre os sublevados fixeron posible a restauración da orde social establecida.