aparello

aparello

(

  1. s m

    Conxunto de elementos que se combinan para realizar unha determinada función.

    Ex: O mecánico sempre emprega moitos aparellos para amañar o meu coche.

    Sinónimos: aparato, instrumento. Confrontacións: til, utensilio.
  2. s m [BIOL]

    aparato.

  3. [PESCA]
    1. s m pl

      Conxunto de utensilios necesarios para pescar.

    2. s m

      Conxunto de redes e panos de rede empregados para a extracción directa do peixe. Historicamente, a introdución de novos aparellos foi causa de fortes períodos de conflitividade protagonizados polos armadores dos novos aparellos, por unha banda, e os propietarios das artes tradicionais pola outra. A causa do conflito era fundamentalmente económica, ocasionada polo maior custe e produtividade dos novos aparellos, contra os que os armadores da pesca tradicional non podían competir. Os conflitos que se produciron entre as xábegas, introducidas en Galicia polos fomentadores cataláns dende mediados do s XVIII, e as artes de pesca tradicional (xeitos e volantas) son fundamentais para a comprensión da influencia da emigración levantina e da importancia das súas actividades para a evolución da industria pesqueira. Entre finais do s XIX e principios do XX a introdución do cerco de xareta, que representaba a pesca con traíña, supuxo un enfrontamento directo co xeito, conflito que rematou por producir unha transformación do sector pesqueiro-conserveiro cara a unha explotación moderna e industrial, abandonando as formas tradicionais das actividades de pesca.

  4. [MAR]
    1. aparello de bombarda

      Aparello cunha arboradura que, ademais do bauprés, consta de dúas árbores dunha soa peza sen gabias, onde a maior é cruzada, e a do medio non; esta última cunha botavara e un pico para izar a áurica e a escandalosa.

    2. aparello de barca/bricbarca/corveta

      Aparello cunha arboradura que, ademais do bauprés, consta de tres ou máis árbores, que exceptuando a mediana, son todas de tres pezas cruzadas e sen gabia; a do medio é de dúas pezas sen cruzar e sen gabia pero cunha botavara e un pico para izar a áurica e a escandalosa.

    3. aparello de dogre

      Aparello cunha botavara que, ademais do botaló, consta de dúas árbores dunha peza, onde a maior leva dúas velas redondas, e a do medio unha vela redonda e unha áurica.

    4. aparello de fragata

      Aparello cunha arboradura que, ademais do bauprés, consta de tres ou máis árbores de tres pezas, cruzadas e con gabias, onde ademais o pau macho da árbore do medio leva sempre unha botavara e un pico para izar a áurica. Non poden levar nunca ningunha vela escandalosa.

    5. aparello de goleta/paquebote

      Aparello cunha arboradura que, ademais do botaló, consta de dúas ou máis árbores de dúas pezas, sen cruzar e sen gabias, pero con botavara e pico cos que en cada unha delas son izadas unha áurica e unha escandalosa. Todas as velas dos aparellos de goleta son de coitelo.

    6. aparello de goleta bermudiana

      Aparello no que a árbore maior leva unha vela bermudiana, en vez dunha áurica e unha escandalosa.

    7. aparello de goleta de estais

      Aparello de goleta, que en vez da áurica e a escandalosa do trinquete, leva unha combinación de estais, e, en vez da áurica e a escandalosa do maior, leva unha bermudiana. Se se trata dun aparello de máis de dúas árbores, a que leva a vela bermudiana será a do medio, todas as outras presentan combinacións de estais.

    8. aparello de goleta de gabias

      Aparello cunha arboradura que é como a da goleta de dúas árbores, pero onde o trinquete e a maior, a escandalosa foi substituída, respectivamente, por un velacho e unha gabia, ou por dous velachos e dúas gabias.

    9. aparello de goleta de velacho

      Aparello de goleta no que o trinquete, en vez de escandalosa, leva un ou dous velachos.

    10. aparello de iola

      Aparello semellante ao dunha goleta de dous mastros; coa diferenza de que as árbores do aparello da goleta son unha maior e un trinquete, mentres os do aparello de iola son un maior e un de mediana. O chamado de mediana atópase sempre situado na popa do temón, característica que distingue o aparello de iola do de queche.

    11. aparello de iola marconi

      Aparello como o da iola, pero no que cada conxunto de áurica e de escandalosa se substitúe por unha vela bermudiana.

    12. aparello de lugre

      Aparello cunha arboradura que, ademais do botalón, consta de dous ou tres mastros con velas no terzo e con velacho e gabia tamén no tercio.

    13. aparello de polacra

      Aparello cunha arboradura que, ademais do bauprés, consta de dúas árbores de dúas pezas, cruzadas e sen gabias, onde ademais, do pau macho da árbore maior (a de popa) leva sempre unha botavara e un pico para izar a áurica. Nunca pode levar unha vela escandalosa.

    14. aparello de polacra bricbarca/ polacra barca

      Aparello como o dunha bricbarca de tres paos, pero coa diferenza de que o trinquete e o maior, en vez de ser de tres pezas e con gabias, son de dúas pezas e sen gabias, como as árbores dun aparello de polacra.

    15. aparello de polacra goleta

      Aparello como o dun bergantín-goleta, pero coa diferencia de que o trinquete, en vez de tres pezas e con gabias, é de dúas pezas e sen gabias, como unha árbore de aparello de polacra. Pode ser de dúas ou tres árbores.

    16. aparello de queche arc

      Aparello cunha arboradura, que ademais do bauprés, constaba de dous paos, dos que o da proa ía aparellado como o dun xabeque e o da popa como o dunha goleta.

    17. aparello de queche

      Na mariña deportiva, aparello parecido ao dunha goleta de dúas árbores. Diferénciase desta porque, mentres as árbores do aparello da goleta son unha maior e un trinquete, as do aparello do queche son unha maior e unha mediana, e está situada sempre na proa do temón. Esta característica distingue o aparello de queche do de iola.

    18. aparello de queche bermudiano

      Aparello como o de queche, pero no que cada conxunto de áurica e escandalosa está substituído por unha vela bermudiana.

    19. aparello de queche de estais

      Aparello de queche bermudiano que, en vez da vela bermudiana da árbore maior, leva unha combinación de estais.

    20. aparello latino

      Aparello que leva velas latinas, en forma de triángulo isósceles, de xeito que o grátil, que está no outro costado, vai asegurado a unha vara longa, flexible e composta de dúas pezas (o car e a pena), chamada antena.

    21. aparello Marconi

      Nome dado impropiamente ao aparello bermudiano pola semellanza entre as primitivas antenas inventadas polo físico italiano e este tipo de aparello.

    22. aparello místico

      Aparello semellante ao latino, que se distingue deste porque en vez de levar velas latinas, lévaas místicas, que son trapezoidais e non triangulares.

    23. aparello redondo/de cruz

      Designación xenérica de calquera tipo de aparello que leve velas redondas.

    24. aparello Wishbone

      Aparello pouco utilizado, parecido ao da goleta de estais, chamado así porque leva velas Wishbone, ou sexa, velas como estais pero cunhas varas dobres parabólicas que non alteran a inchazón.

    25. s m

      Conxunto da arboradura, cordames e velames dun barco, que serve para empuxar este valéndose da forza do vento. Dá ao barco unha autonomía ilimitada, a pesar de que as velocidades obtidas son pequenas e dependen das variables do vento. Deixou de utilizarse en barcos mercantes e hoxe só o utilizan os iates e os buques-escola. Segundo os diferentes tipos de aparellos podemos falar de fragatas, bergantíns, goletas ou bricbarcas.

    26. aparello bermudiano

      Aparello no que as velas principais son de coitelo, con botavara e en forma de triángulo rectángulo escaleno, de xeito que o grátil, que chega practicamente ata a galeta, é o cateto grande; o grátil da escota, o cateto pequeno, e a baluma a hipotenusa.

    27. aparello de balandra

      Aparello cunha arboradura que consta dun botaló e dunha árbore maior de dúas pezas sen cruzar, sen gabia, pero con botavara e pico para izar unha vela áurica e unha escandalosa.

    28. aparello de balandra bermudiana

      Aparello igual ca o da balandra, pero que, en vez de levar unha vela áurica e unha escandalosa, leva unha vela bermudiana.

    29. aparello de bergantín

      Aparello cunha arboradura que consta, ademais do bauprés, de dúas árbores de tres pezas, cruzadas e con gabias, no que amais do pau macho da árbore maior da popa leva sempre unha botavara e un pico para izar unha vela áurica. Non pode levar máis dunha vela escandalosa.

    30. aparello de bergantina

      Aparello mixto de dous paos, un con vela latina e o outro con velas redondas.

    31. aparello de bergantina polacra

      Aparello como o dunha polacra, pero co trinquete de bergantín.

    32. aparello de bergantín-goleta

      Aparello cunha arboradura que, ademais do bauprés, consta de dúas ou máis árbores, no que o trinquete é de tres pezas, cruzadas e con gabia, como o trinquete dun bergantín, e o outro ou os outros son como as árbores dunha goleta. É dicir de dúas pezas, sen cruzar, sen gabia e cunha botavara e un pico cos que, en cada un deles, son izadas unha áurica e unha escandalosa.

  5. [MAR]
    1. s m

      Cada unha das diferentes máquinas formadas por combinación de poleas cun cabo que traballa polas súas roldanas, nas que necesariamente unha das poleas ou cadernais ten que estar suxeita nun lugar consistente para que permaneza sempre inmóbil. Empregadas para multiplicar ou cambiar de dirección unha forza, os aparellos permiten vencer grandes resistencias con poucos esforzos, aínda que cun tempo máis longo.

    2. aparello de gata

      Aparello co que, nos antigos veleiros, se elevaba a áncora cando a argola chegaba ata a superficie da auga, e se tiña preparada para volver a fondear, ou ben se cinxía ao lugar pertinente para saír ao mar.

    3. aparello da cámara de máquinas

      Aparello diferencial que pode correr por un raíl que hai na parte superior do departamento de máquinas dos buques.

    4. aparello de pescante

      Aparello real que pendura de cada pescante e que serve para izar e para arriar as embarcacións menores.

    5. aparello diferencial

      Aparello utilizado para levantar grandes pesos, o que, en vez de poleas, ten roldanas e, en vez de cabo, unha cadea cinxida.

    6. aparello real

      Aparello formado por dúas cadernais e un cabo de moitas clases.

  6. s m pl [AGR]

    Instrumentos empregados na labranza, no carro ou no muíño.

    Ex: Teño dispostos os aparellos para comezar a labrar.

    Sinónimos: apeiro, aveño.
  7. s m pl [AGR]

    Arreos que se lles poñen ás bestas, como a sela ou albarda, para poder montalas ou cargalas.

    Ex: Veñen de facer uns aparellos novos para as bestas.

    Confrontacións: aveño.
  8. [ARQUIT/CONSTR]
    1. s m

      Maneira de dispoñer os elementos empregados na construción dun muro, dunha parede ou das baldosas dun pavimento. Os materiais de aparello máis habituais son a pedra, o ladrillo ou o adobe, que mesmo poden aparecer mesturados no paramento. Tamén se poden empregar a madeira e o tapial. A finalidade dos aparellos é que as pezas queden ben trabadas para que non sexa necesario confiar só na eficacia do aglomerado para asegurarse unha boa unión, ou ben que estes se ordenen de acordo cunha certa intención xeométrica. A disposición destes elementos pode presentar diversas modalidades principais e outras combinacións.

      Confrontacións: opus.
    2. aparello a soga

      No que os elementos se dispoñen de xeito que o seu lado longo é paralelo ao eixe lonxitudinal da parede. Tamén se denomina de cítara e de media hasta.

    3. aparello a soga e tizón

      No que os elementos se dispoñen de xeito que no paramento se alternan os seus lados curtos cos longos. Denomínase tamén diatónico.

    4. aparello a tizón

      No que os elementos se dispoñen de xeito que o seu lado longo é perpendicular á parede. Denomínase tamén de chaves.

    5. aparello ciclópeo

      No que os elementos son de gran tamaño, grosos, apenas retocados, axustándose pouco, e polo xeral colocados sen argamasa, morteiro ou elemento algún de recheo ou fixación; a parede seca, conformada por pezas postas sen morteiro, procura encher con pedras miúdas os buracos que deixan as grosas.

    6. aparello de cachotería

      No que os elementos non están labrados, ou só groseiramente, presentando tamaños irregulares (cachotes). Son frecuentes as cuñas amodo de pequenos calzos de argamasa ou morteiro, ou simplemente barro.

    7. aparello de ringleiras horizontais

      No que os elementos de pizarra ou lousa se dispoñen horizontalmente mostrando visible o seu canto.

    8. aparello emplecton

      A parede, de pedra irregular, presenta de tanto en tanto unhas franxas ben niveladas.

    9. aparello helicoidal

      No que as ringleiras non presentan unha disposición regular e teñen escasos elementos de trabazón, sendo moi semellante ao opus reticulatum romano polos seus elementos romboidais.

    10. aparello isódomo/regular

      No que os perpiaños, elementos construtivos, son todos das mesmas dimensións e van colocados na mesma posición.

    11. aparello inglés/ polaco/holandés

      Cada unha destas denominacións correspóndense con distintas combinacións dos tipos principais. Cando os elementos construtivos son máis pequenos, como na obra cocida, a ligadura ten moita importancia e aparecen diversas solucións para acadar un bo ligado. Se o grosor da parede corresponde como mínimo á lonxitude dunha peza, o aparello pode ser inglés, cunha ringleira de pezas postas ao longo e outra ao través; polaco, o que presenta en cada ringleira dúas pezas pousadas ao longo da parede e unha ao través, é o máis empregado; e o holandés, o que presenta unha ringleira de pezas atravesadas e outra formada por dúas pezas ao longo e outra atravesada. Se o grosor da parede corresponde ao da peza (tabique), o aparello máis común é a xuntadora (con xuntas horizontais e inclinadas) ou ben a mestura; a construción en xunta seguida non é moi apta para paredes destinadas a soportar descargas de consideración. Cando se constrúen placas (tabiques, soleiras ou bóvedas) con elementos de grosor heteroxéneo sempre se procura que as pezas se crucen xuntamente tanto no grosor como na lonxitude, resultando placas dunha gran resistencia.

    12. aparello poligonal

      No que os elementos presentan unha talla ruda na súa parte frontal, que mantén formas máis ou menos regulares e poligonais mediante un lixeiro retoque dos elementos construtivos, que permiten o axuste non sendo preciso encher ocos con pedras máis pequenas.

    13. aparello pseudoisódomo

      O que, coma o reticular, presenta ringleiras regulares, aínda que alternando distintas alturas das diferentes ringleiras dispostas de xeito sucesivo.

  9. s m [PINT]
    1. Produto destinado a preparar o soporte sobre o que se aplica unha pintura, para obter un fondo ben liso e homoxéneo que non sexa excesivamente absorbente. O aparello pode ser aplicado, ben directamente sobre o soporte, cando non hai problemas de adherencia, ben sobre unha capa inicial de imprimación destinada a asegurar unha boa adherencia e, no caso dos metais, a mellorar a protección contra a corrosión. Se a superficie inicial do soporte é regular e lisa, o aparello pode ser suprimido e pódese pintar, ben directamente, ben sobre unha imprimación. Unha solución intermedia, a miúdo empregada no caso dos metais, é utilizar unha imprimación-aparello. As resinas e as masillas son aparellos moi espesos, que serven para tapar as grandes irregularidades de superficie. Os tapaporos son imprimacións-aparellos destinados á madeira que ha de ser vernizada.

    2. Material que serve para preparar as pezas de madeira e facelas aptas para recibir arxila e pan de ouro. Consiste en varias capas de xeso, xeso morto ou creta, aglutinadas con cola animal.

  10. s m [TECNOL]

    Sistema ou conxunto de sistemas mecánicos e, eventualmente, eléctricos ou electrónicos, constituído en xeral como unidade substancialmente independente doutras e de certa complexidade construtiva ou funcional, que serve para executar algunha operación ou que leva a termo determinadas funcións.

  11. aparello de medida [METROL/TECNOL]

    Instrumento sensible a un fenómeno físico ou químico determinado ou identificable nunha magnitude, mediante o que, e gracias a unha calibración previa ou á aplicación duns patróns, é posible valorar o fenómeno ou a magnitude nas unidades escollidas para definilos.

  12. aparello de rematar [OFIC/ETN]

    Pao apoiado en dous cabaletes onde se coloca o coiro mediante uns ganchos de madeira para rematalo.

Palabras veciñas

aparellador -ra | aparellamento | aparellar | aparello | aparencia | aparencia | aparentar